A Xunta aposta por intensificar este ano a cooperación transfronteiriza e a mobilidade académica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu a sesión da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na que se estableceron as liñas de actividade para 2023

Continuarase coa reclamación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo e da mellora urxente das conexións ferroviarias, coa firme aposta polo tren de alta velocidade Vigo-Porto

Vigo, 23 de marzo de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe en Vigo a xuntanza da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na que se aprobou o plan de actividades para 2023. As principais liñas para este ano vanse centrar na intensificación da cooperación transfronteiriza de proximidade e na aposta pola mobilidade académica e as conexións ferroviarias.

Así, no eido da mobilidade académica vaise ampliar o programa Iacobus para investigadores e persoal administrativo das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión con novas convocatorias para estadías, publicacións científicas e patentes. Esta iniciativa dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica recibiu en 2022 máis de 300 candidaturas.

No que se refire á mobilidade xeográfica e á cooperación de proximidade, continuarase coa reclamación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo. Insistirase ademais na mellora urxente das conexións ferroviarias, coa firme aposta polo tren de alta velocidade Vigo-Porto ante a falta de avances sobre esta liña nos últimos cumios ibéricos.    

A maiores, en 2023 a Xunta vai reforzar a cooperación transfronteiriza entre as principais institucións de fronteira Galicia-Norte de Portugal, como as eurocidades e as outras AECTs, e coas confederacións empresariais e sindicais da Eurorrexión. Tamén se continuará colaborando con sectores puxantes, como a automoción, a aeromoción, a biotecnoloxía mariña ou as enerxías renovables.

As achegas culturais, a través do proxecto Nortear, e a promoción e difusión dos camiños portugueses a Santiago son outras das liñas estratéxicas na Eurorrexión para este exercicio, así como o turismo conxunto co obxectivo de conseguir a creación dun Clúster de Turismo Transfronteirizo.

Ademais das liñas de traballo para 2023, na sesión de hoxe analizouse a actividade do pasado ano, co peche dos proxectos do POCTEP 14-20. Entre eles figura o proxecto Facendo Caminho, co estudo do impacto económico das rutas xacobeas e as bases do Plan director dos camiños portugueses a Santiago como principais logros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023