Fernández-Tapias salienta a traxectoria da Vig-Bay como exemplo dos “valores da cidade” e celebra o seu título de Vigués Distinguido 2023

A delegada da Xunta en Vigo participou na presentación da vixésima segunda edición da proba, que recibirá este mesmo xoves o galardón da cidade

“A Vig-Bay é símbolo do esforzo, superación, diversidade e solidariedade, o mellor exemplo de que a colaboración é a fórmula para avanzar”

Vigo, 23 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este xoves os valores da XXII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay e a II Mini Bay como símbolo da cidade. A representante autonómica salientou na presentación da cita o exemplo de “esforzo, superación, diversidade e solidariedade” que leva á proba a ser recoñecida hoxe mesmo na gala dos Vigueses Distinguidos 2023.

 

Fernández Tapias destacou que “dende o nacemento da Vig-Bay no ano 2000, a carreira converteuse nun símbolo da unión de tres concellos veciños e no mellor exemplo de que o entendemento e a colaboración son as mellores fórmulas para avanzar”. Así, definiu o percorrido urbano entre os tres municipios como “unha beleza da natureza e un escenario inigualable” que contribúen a que a Vig-Bay sexa “unha das mellores maratóns do mundo”.

 

O 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a primeira edición da Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay con 613 corredores. Nesta vixésimo segunda edición, a Vig-Bay conta con máis de 4.000 atletas e xa é a proba popular con maior participación de Galicia.

 

“Este percorrido, no que os corredores sempre teñen á vista o mar de Vigo e as súas illas, tamén serve como trazado, á inversa, dos peregrinos do Camiño da Costa. E de forma paralela á proba, o roteiro xacobeo experimentou nos últimos anos un gran auxe”, sinalou a delegada territorial.

 

Ademais, lembrou que durante as dúas últimas décadas a proba “non parou de crecer” sinalando que naceu do “sono” dun grupo de persoas. “Dese sono, dese proxecto de Eduardo Vieira, chegamos ao que é hoxe”, valorou augurando a continuación que a proba seguirá a medrar tanto en prestixio coma en número de participantes nos vindeiros anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023