A exposición Chicas nuevas 24 horas continúa o seu percorrido polos concellos para chamar a atención contra a trata con fins de explotación sexual

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade impulsa esta mostra desenvolvida pola produtora Mabel Lozano que recalará desde mañá en Betanzos

A actividade enmárcase no conxunto de accións desenvolvidas pola Xunta a través da rede de entidades locais contra a violencia de xénero en colaboración coa Fegamp

Visitará en próximas datas Barreiros, A Guarda, Poio, Carballeda de Avia e Boqueixón

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023 A exposición Chicas nuevas 24 horas, que pretende sensibilizar a cerca da trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual, continúa mañá en Betanzos o seu percorrido polos concellos galegos,  que seguirá en datas próximas por Barreiros (Lugo), A Guarda e Poio (Pontevedra), Carballeda de Avia (Ourense) e Boqueixón (A Coruña).

A mostra, apoiada pola Xunta de Galicia, percorre desde novembro institutos e municipios galegos para achegar a denuncia sobre a compra e venda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. Esta actividade enmárcase no conxunto de accións promovidas pola a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Integran a exposición -que se pode visitar desde mañá e ata o próximo 10 de abril na Sala de exposicións Jesús Nuñez do Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia de Betanzos-  diferentes fotografías e a proxección do documental Chicas nuevas 24 horas . Durante a mesma danse a coñecer testemuñas de mulleres e nenas de España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai, afectadas por esta lacra.

A proposta achega actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo,  centradas en dous piares básicos: a prevención e concienciación. O obxectivo final é lograr a implicación dos e as mozas na erradicación deste negocio.

O programa esta producido e guionizado por Mabel Lozano, cineasta comprometida co mundo da muller e os dereitos humanos, que ten abordado a denuncia da explotación sexual e a violencia contra a muller en longametraxes e curtas ao longo da súa filmografía. O seu traballo, Biografía del cadáver de una mujer recibiu o Premio Goya á mellor curtametraxe documental.

Data de actualización: 23/03/2023