A Xunta mantén a casa niño de Dozón por sexto ano consecutivo cunha achega de case 25.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde, Adolfo Campos, visitaron esta mañá o centro Pequeniños, dirixido por Ylenia Varela e que ten completas as súas cinco prazas de atención infantil para cativos de 0 a 3 anos

A Consellería de Política Social e Xuventude outorgou 15.000 € para o investimento inicial orientado ao acondicionamento da antiga casa do conserxe do CEIP Pío Cabanillas e unha partida anual que oscila entre 20.000 € e 25.000 € para os seus gastos de funcionamento

O departamento autonómico ten aberta ata mañá a nova convocatoria para a apertura de dez casas niño máis en toda Galicia, co obxectivo de alcanzar as 105 en toda a Comunidade, cun orzamento global de 900.000 €

Dozón (Pontevedra), 23 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de manter a casa niño Pequeniños de Dozón, orientada á atención de cativos de 0 a 3 anos de idade en municipios sen escola infantil, por sexto ano consecutivo grazas a unha achega de case 25.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o centro da localidade castrense, acompañado polo alcalde Adolfo Campos, e a xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, para coñecer o seu funcionamento e para anunciar que o Goberno galego ten aberta na actualidade e ata o día de mañá a nova convocatoria para a apertura de dez casas niño máis en toda Galicia cun orzamento de 900.000 euros.

A casa niño de Dozón, dirixida por Ylenia Varela e emprazada na antiga casa do conserxe do CEIP Pío Cabanillas Gallas, abriu as súas portas en abril de 2018 grazas a unha achega inicial da Xunta de 15.000 euros para a realización do investimento inicial orientado ao seu acondicionamento. Posteriormente, a Consellería de Política Social e Xuventude seguiu apoiando este servizo cunha partida anual que oscila entre 20.000 e 25.000 euros para os seus gastos de funcionamento, xa que cómpre lembrar que esta atención é de balde para os usuarios.

“Estamos ante unha grandísima iniciativa, de pequeno formato e adaptada perfectamente á realidade e ás necesidades de concellos rurais e de interior como Dozón, que non dispoñen dunha escola infantil, pero que, deste xeito, poden ofrecer unha atención infantil de proximidade e especializada para os nenos e que ademais favorece a conciliación familiar e laboral. Por elo, entendemos perfectamente o seu éxito en Dozón e que estea plenamente consolidada polo elevado interese da cidadanía deste concello e o necesario apoio da Xunta, que vai ter continuidade no futuro na nosa aposta polo rural”, explicou o representante autonómico.

Esta casa niño, cuxo horario de apertura é de 8.20 a 15.00 horas de luns a venres agás nas xornadas festivas e o mes de agosto para vacacións, ten cubertas as súas cinco prazas, que é o máximo permitido neste formato para garantir unha atención axeitada e personalizada dos nenos.

O centro Pequeniños é un dos 95 que están abertos en toda a Comunidade e un dos seis que hai na provincia de Pontevedra xunto cos dous de Pazos de Borbén e os da Lama, Fornelos de Montes e Cuntis, que foi o que se incorporou máis recentemente a esta oferta. O delegado territorial quixo animar aos posibles promotores a que concorran á nova convocatoria da Xunta, “xa que poden facer un gran labor social nos seus concellos, ao tempo que emprenden e xeran o seu propio posto de traballo contando co importante apoio económico do Goberno galego”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2023