Augas de Galicia organiza durante esta semana actividades divulgativas sobre a importancia da auga e o saneamento coincidindo coa conmemoración, hoxe, do Día Mundial da Auga

Alumnos de Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía do IES de Brión achéganse da man da Xunta ao funcionamento da depuradora dos Praceres, en Pontevedra

Os estudantes de bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach, visitan hoxe a planta de tratamento de augas residuais para coñecer as actuacións realizadas para mellorar o seu funcionamento, cun investimento autonómico de 16,5 M€

As explicacións detallarán os aspectos técnicos das intervencións na mellora da liña de auga para cumprir os límites de vertido da lexislación europea, logrando un gran salto de calidade das augas da ría ao conseguir eliminar o 90% de contaminantes

Os alumnos do CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas, e do CEIP de Ponte do Porto en Camariñas participarán mañá xoves e o venres, respectivamente, en talleres sobre a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela

A programación con motivo do Día Mundial da Auga inclúe unha visita o xoves de profesionais do sector industrial de Meaño á depuradora da localiade, co fin de afondar nos efectos dos vertidos e establecer a colaboración entre as Administracións públicas e as empresas da zona

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023 Un grupo de alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach do IES de Brión coñecerán esta tarde, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, organiza ao longo desta semana distintas actividades con alumnos de Educación Primaria e de Secundaria para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebra hoxe, mércores día 22. 

O Día Mundial da Auga ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible. Este ano a meta é “Acelerar o cambio” e promove o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030. 

No marco destas actividades, os alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach, coñecerán as intervencións impulsadas pola Xunta na depuradora dos Praceres que melloraron o seu funcionamento. Estas obras culminaron coa súa posta en marcha en xullo do pasado ano, despois dun investimento de 16,5 M€. 

A visita dos alumnos do bacharelato STEMbach, enmarcado na Estratexia Galega para a Educación Dixital, ten como obxectivo promover a vocación do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato cara á investigación científica e tecnolóxica.  

Este programa ofrece unha oportunidade de divulgación no campo do tratamento de augas residuais e dá a coñecer e valorar o esforzo das administracións públicas e da sociedade en xeral, no investimento en infraestruturas de depuración e o seu mantemento e explotación. 

Nesta visita os técnicos de Augas de Galicia detallarán os aspectos técnicos das intervencións realizadas na mellora da liña de auga co obxectivo de cumprir os límites de vertido previstos na lexislación europea. Coas actuacións executadas non só se acadaron os parámetros legais, senón que se conseguiu situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos máximos permitidos, chegando a lograr a eliminación, de media, do 90% dos contaminantes, o que supón un gran salto na calidade das augas da ría de Pontevedra. 

Tamén esta semana Augas de Galicia ten previsto continuar coas actividades para afondar cos alumnos doutros centros educativos nas experiencias reais e coñecementos científicos-prácticos adquiridos ao longo dos anos en depuración de augas residuais, e ao mesmo tempo, concienciar sobre a importancia de garantir un bo estado das masas de auga.  

Deste xeito, mañá xoves, Augas de Galicia impartirá talleres a alumnos dos cursos de 1º e 2º curso de Primaria, concretamente no CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas.  

O venres, día 24, serán os alumnos do CEIP de Ponte do Porto en Camariñas os que participarán nos dous talleres que se realizarán, dirixidos a estudantes de 1º e 2º de Primaria.  

Estes talleres teñen como obxectivo concienciar sobre a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela; identificar a auga residual e o seu impacto sobre o contorno; ou coñecer que é unha depuradora e como funciona.

Ademais, a Xunta realizará o xoves unha xornada dirixida ao sector industrial en Meaño, celebrando unha visita á depuradora da localidade. Trátase de sensibilizar sobre os efectos dos vertidos industriais e establecer pontes de colaboración e intercambio de información entre as Administracións públicas e as empresas da zona.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023