A Xunta amplifica os apoios para a economía social con máis de 42 M€ este ano para impulsar novas iniciativas e crear emprego inclusivo baixo esta fórmula

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou nos actos da ‘Semana universitaria da economía social’ na Universidade de Santiago


Subliñou a importancia desta fórmula como xeradora de emprego de calidade con apoios autonómicos que este ano crecen por encima do 20%
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe nos actos da Semana universitaria da economía social celebrada na Universidade de Santiago, onde puxo en valor este modelo como mecanismo que promove o emprego de calidade e para o que a Xunta de Galicia ten reservados este ano máis de 42 millóns de euros.

En 2023 Galicia seguirá apostando por este ecosistema cun orzamento que experimenta un incremento dun 20,87% respecto ao ano anterior, chegando a un total de máis de 42 millóns de euros, artellados en tres grandes eixos de actuación apuntados pola secretaria xeral: difusión da economía social, creación e consolidación de iniciativas de economía social, e promoción do emprego inclusivo.

“Emprender en Galicia é tamén falar de economía social, unha fórmula que antepón ás persoas á vez que promove o emprego de calidade para todos”, lembrou a secretaria xeral.

Segundo relatou Toca, entre os apoios máis relevantes, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoiará este ano a creación e consolidación de negocios e de postos de traballo na economía social a través de programas como Aprol Economía Social ou ES-Factory (de aceleradoras de emprendemento). Tamén avoga por mellorar a competitividade e transformación destes negocios a través das iniciativas ES-Transforma ou o Bono Consolida. Este último reserva case 3 millóns de euros abordar a transformación dixital e a mellora da eficiencia enerxética das entidades.

“A Xunta está comprometida tamén coa promoción do emprego inclusivo a través das empresas de inserción ou a creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego aos que se destinarán máis de 27 M€”, remarcou a secretaria xeral.

Toca destacou que a economía social é un modelo económico que “contribúe á cohesión social e do territorio, poñendo o foco nas persoas e baseándose na xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario”. Un sistema do que na nosa comunidade, especificou, forman parte máis de 7.000 entidades e empresas, e baixo o que tan só o ano pasado naceron 174 novas iniciativas. “A economía social representa cerca do 7% do noso PIB e ten un impacto económico anual moi considerable en Galicia”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023