A Xunta dá a coñecer á cidadanía os recursos autonómicos de apoio ao emprendemento no Polo de Silleda co gallo da Semana da Administración Aberta

Silleda (Pontevedra), 22 de marzo de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sumouse hoxe aos actos da Semana da Administración Aberta cunha xornada celebrada no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas, emprazado en Silleda, que contou coa intervención da secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, na que someteu a repaso os apoios ao emprego e ao emprendemento da Administración autonómica.

Toca puxo en valor esta semana na que se está a dar a coñecer á cidadanía a organización da administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan os diferentes departamentos. Con ocasión do acto, debullou os principais programas e axudas da Xunta en materia de emprego, con máis de 47M€ mobilizados xa nestes tres primeiros meses do ano. Incidiu tamén no papel que está a desenvolver a Rede de polos que como o de Silleda, busca atraer o emprendemento á mocidade e outorgarlle as ferramentas para que as ideas de negocio poidan xerminar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2023