A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na clausura das xornadas organizadas pola Fundación Hospital Caridad Ferrol

A Xunta pon en valor a vocación dos traballadores sociais por axudar as persoas que peor o están a pasar

Durante o evento, con motivo do Día Mundial do Traballo Social, agradeceu a súa labor pedagóxica, administrativa e a súa procura dun mundo máis xusto

Lembrou que o Goberno galego axuda o acceso a unha vivenda ás persoas vulnerables mediante o programa Con teito, do Bono Alugueiro Social ou da rehabilitación de vivendas para persoas sen fogar, oito delas na cidade de Ferrol

Ferrol, 21 de marzo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta tarde na clausura da xornada ‘Servizos sociais e atención a persoas sen fogar’, organizada pola Fundación Hospital Caridad Ferrol con motivo do Día Mundial do Traballo Social. Durante o evento, ao que tamén asistiu a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor a vocación de todos os profesionais deste ámbito por axudar ás persoas que peor o están a pasar.

A conselleira agradeceu a súa labor pedagóxica, pola que erradican prexuízos e intransixencias coas persoas vulnerables; tamén polo seu traballo administrativo, que fai posible a comunicación destas persoas coa Administración; e pola súa visión de que un mundo máis xusto é posible. Así mesmo, tamén felicitou á Fundación Hospital Caridad de Ferrol pola súa traxectoria atendendo a persoas sen fogar e tamén por organizar eventos coma este, no que se convida ao debate e a reflexión sobre o futuro dos servizos sociais.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego traballa para axudar as persoas en situación de vulnerabilidade no acceso ao emprego e a unha vivenda. Para iso, a Xunta pon en marcha iniciativas como o programa Con teito, para mediar en caso de desafiuzamentos; o Bono Alugueiro Social, que cubre o alugueiro das persoas vulnerables; ou a rehabilitación e equipamentos de oito vivendas na cidade de Ferrol e outras catro en Viveiro para o acompañamento das persoas sen fogar.

Axudas de inclusión

Así mesmo, tamén sinalou que este ano incrementáronse as contías das Axudas de Inclusión Social, da Risga e do complemento das Pensións non Contributivas, para adaptalas á subida xeneralizada de prezos. Por último, tamén destacou o financiamento de programas e iniciativas impulsados por entidades sociais e o reforzo do Plan Concertado, que axuda os concellos galegos a contratar máis profesionais para que estas axudas cheguen a quen máis o necesita.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023