O consello de acción exterior de Galicia informa a nova Estratexia galega de Acción Exterior 2023-2027

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE presidiu hoxe a xuntanza do Consello de Acción Exterior (CAEX), que se reúne coa finalidade de avanzar na elaboración da nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX)


No encontro participaron, ademais de representantes da Xunta, membros do Consello da Cultura Galega, da FEGAMP, da CEG, de organizacións sindicais, de ONGDs e das universidades


A EGAEX será o instrumento que terá Galicia en aplicación da nova Lei de Acción Exterior de 2021 para proxectar a súa presencia no exterior
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

O Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX) por unanimidade, informou favorablemente o texto da nova Estratexia de Acción Exterior de Galicia (EGAEX) para o período 2023-2027.

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión do Consello de Acción Exterior (CAEX), no que se debateu a nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX). Esta Estratexia deriva da Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

 

Ademais de membros representantes da Xunta de Galicia, forman parte do CAEX o Consello da Cultura Galega, a FEGAMP, os representantes dos empresarios, das organizacións sindicais e das universidades, así como das ONGDs.

 

A andaina do CAEX en relación coa nova EGAEX iniciouse xa durante a pandemia, nunha sesión extraordinaria celebrada o pasado decembro, na que os seus integrantes xa avanzaron propostas e ideas que serviron de base ao documento hoxe debatido.

 

Esta EGAEX 2023-2027 será o instrumento que terá Galicia en aplicación da nova Lei de Acción Exterior de 2021 para proxectar a súa presencia no exterior. Ocúpase como eixos fundamentais de Portugal e dos países da lusofonía, da UE, Iberoamérica e do ámbito relativo a cooperación para o desenvolvemento. Ademais, servirá para poder afrontar con maior resiliencia e éxito os desafíos da era postcovid e a axeitada asunción dos fondos europeos, así como para mellorar a atracción de talento foráneo para contribuír ao desenrolo de sectores clave da economía galega.

 

Para a elaboración do borrador da EGAEX 2023-2027 tamén se tiveron  en conta todos os documentos estratéxicos da Xunta de con incidencia no exterior. Deste xeito, búscase  incrementar a eficiencia da proxección galega cara fóra e presentar unha nova imaxe de país para investidores, emprendedores e creadores.

 

Galicia proporá unha política de incentivos inspirada en modelos de éxito dentro do marco europeo, considerando o entorno mundial e europeo, nomeadamente condicionado pola situación postcovid e pola invasión rusa da Ucraína.

 

Como punto de partida, cómpre destacar que a comunidade galega triplicou as súas exportacións anuais e xa superou o as cifras turísticas prepandemia, o que permitirá afrontar con mellores perspectivas o futuro inmediato, xerando máis investimento e emprego no sector.

 

O Consello de Acción Exterior (CAEX)

O CAEX foi creado pola Xunta de Galicia en 2010, como órgano consultivo da Administración autonómica para orientar as liñas xerais da acción exterior de Galicia. Incorpora tanto a representantes das administracións públicas como da sociedade civil.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023