A Xunta anuncia unha nova liña de axudas a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar a eficiencia enerxética das súas instalacións municipais

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nun webinario con representantes de entidades locais para explicarlles as liñas de axudas que teñen este ano á súa disposición

A actividade enmárcase na Semana de Administración Aberta destinada a achegar á cidadanía a xestión das administracións públicas

Diego Calvo lembrou que os concellos galegos contan este exercicio con máis de 564 M€, entre as tradicionais e novas liñas de axudas publicadas e pendentes de publicar e a contía de máis de 143,4 M€ do Fondo de Cooperación Local

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nun webinario destinado ás entidades locais para explicarlles as liñas de axudas que este ano teñen á súa disposición co obxectivo de reforzar a súa autonomía. Así, lembroulles que os concellos galegos recibirán este exercicio 564,3 M€, un 15,5 % máis que en 2022, entre os 143,4 M€ do Fondo de Cooperación Local (FCL) e as distintas ordes de subvencións da Xunta. Desta contía, destacan os máis de 29 M€ das ordes publicadas e pendentes de publicar pola Vicepresidencia Segunda.

De feito, unha das convocatorias que se publicará en breve vai destinada aos municipios de menos de 30.000 habitantes e cofinanciada con fondos FEDER. Cunha dotación total de 7,8 M€ en dúas anualidades, das que a Xunta achegará 3,1 M€, trátase dunha orde plurianual que financiará actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais tanto este 2023 como en 2024.

Diego Calvo explicou que a nova liña mellorará a eficiencia e o aforro enerxético, ao mesmo tempo que diminuirá o impacto ambiental e as emisións de dióxido de carbono dos inmobles e infraestruturas municipais. O Goberno galego pretende así acadar a longo prazo concellos climáticamente neutros mediante a modernización das súas instalacións, a descarbonización e a busca de alternativas ás enerxías fósiles.

Pola súa parte, a directora xeral de Administración Local trasladoulles aos alcaldes e alcaldesas os detalles da nova convocatoria para que poidan avanzar a documentación e as solicitudes de cara a súa publicación en breve no Diario Oficial de Galicia.

Cómpre destacar que o webinario de hoxe enmárcase na programación da Semana da Administración Aberta coa que se busca achegar as administracións públicas á cidadanía, neste caso a prestación dos servizos públicos e axudas que xestionan os departamentos e entidades da Xunta.

O vicepresidente segundo da Xunta puxo en valor o reforzo da cooperación cos concellos, con novas liñas como a dirixida a mellorar a eficiencia enerxética das súas infraestruturas e coas xa tradicionais como a Orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, ambas xa publicadas e en proceso de revisión das solicitudes presentadas. 

A Orde de infraestruturas de uso público mantén o orzamento de 3,5 M€ e na convocatoria deste ano contou con preto de 300 propostas que optan a recibir apoio para actuacións en dependencias municipais, parques infantís, camiños municipais ou no alumeado público. Esta liña beneficiou o pasado ano máis dun cento de iniciativas en todo o territorio galego.

Por outra parte, o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) conta cun orzamento de 11 M€  co que o Goberno galego aposta pola protección e mellora do medio natural. Coa liña competitiva do fondo fináncianse campañas divulgativas, a compra de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, o uso recreativo e didáctico de recursos naturais, intervencións para integrar a contorna natural, traballos de eficiencia enerxética e de instalación de enerxías renovables, ou proxectos para evitar a degradación ambiental, xa sexa coa contratación de persoal ou a adquisición de equipamento.

Desde a súa creación, en 2010, o Fondo de Compensación Ambiental permitiu cofinanciar proxectos por máis de 116 M€ e neste ano recibíronse 225 solicitudes na liña competitiva. No que se refire á liña do fondo en concorrencia non competitiva 123 concellos foron beneficiarios en 2022 polo asentamento de parques eólicos no seu ámbito xeográfico, unha cifra similar á prevista neste exercicio.

 

Diego Calvo explicou que todas estas axudas suporán un reforzo decisivo na mellora da calidade prestación dos servizos de competencia municipal, en especial nos concellos máis pequenos e situados en zonas rurais. “Máis e mellores servizos favorecen o reequilibrio territorial e permiten crear emprego e fixar poboación”, explicou.  

Fondo de Cooperación Local

Nas achegas aos concellos, ademais de distintas liñas de axudas da Xunta, inclúense os 143,4 M€ do Fondo de Cooperación Local (FCL) que recibirán este ano, un 17 % por riba de 2022. Destacan os 30,5 M€ da parte adicional dese fondo, cunha suba histórica do 135 % coa finalidade de colaborar no financiamento dos servizos de competencia municipal máis demandados polos concellos como as emerxencias, a limpeza de faixas secundarias e a mellora das redes de abastecemento. Grazas a este fondo -indicou o vicepresidente segundo- desde 2011 as entidades locais teñen garantido por lei unha dotación nos orzamentos autonómicos.

A metade do fondo adicional, isto é, 15,6 M€, repártense entre os municipios de menos de 15.000 habitantes que presentaron os seus proxectos ás tres liñas publicadas o pasado febreiro nunha mesma orde: 8,6 M€ en investimentos para mellorar a eficiencia enerxética de edificios de titularidade municipal, 2 M€ á adquisición de maquinaria e equipamento vinculado á prestación de servizos de competencia municipal e 5 M€ en actuacións de modernización das redes de abastecemento municipal. O prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado venres con 250 concellos que presentaron solicitude ás tres liñas.

Cómpre engadir que se reservará 1 M€ tamén do fondo adicional para todos os concellos interesados en participar en proxectos técnicos de creación ou desenvolvemento de comunidades enerxéticas mediante outra convocatoria de axudas que se atopa en tramitación coa previsión de publicarse nas próximas semanas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023