A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada da alcaldesa, María Ramallo, visitou hoxe as obras de adecuación do primeiro andar da Casa do Mar no que se emprazará este servizo

O novo centro de día para persoas maiores de Marín formará parte da rede pública autonómica da Xunta

Entrará en funcionamento despois do verán con 20 prazas dispoñibles, que se poderán ir incrementando ata as 40 no caso de ser necesario

O Goberno galego financiou con 250.000 euros a adecuación e equipamento do inmoble

Marín (Pontevedra), 21 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia abrirá despois do verán o novo centro de día para persoas maiores de Marín, que pasará a formar parte da rede pública autonómica. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, comprobou hoxe, acompañada da alcaldesa, María Ramallo, o avance nas obras de acondicionamento do primeiro andar da Casa do Mar no que se emprazará este servizo.

O centro entrará en funcionamento con 20 prazas dispoñibles, que se poderán ir incrementando ata as 40 se é necesario. O Goberno galego financiou con 250.000 euros a adecuación e equipamento do inmoble. Con esta actuación renóvase por completo a Casa do Mar de Marín como espazo destinado aos coidados dos maiores e dos máis pequenos, pois no seu baixo a Xunta ten unha escola infantil.

Fabiola García destacou que o Executivo autonómico traballa para ampliar e mellorar a rede de servizos de atención en toda Galicia. A este obxectivo responde o incremento das prazas públicas en centros de día, ata acadar hoxe preto de 6.000.

Xantar na casa e Coidados porta a porta

A Xunta reforzou nos últimos anos servizos de proximidade como o Xantar na casa ou o programa de Coidados porta a porta. O Concello de Marín incorporouse a Xantar na casa no ano 2021 para levar a comida os sete días da semana aos domicilios das persoas maiores que viven soas.

Así mesmo, a unidade móbil de Coidados porta a porta volverá de novo a esta localidade do 25 ao 27 do vindeiro mes de abril, para achegar servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria aos veciños de máis idade. Na súa visita no mes de xullo atendeu a máis de 70 maiores.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023