Unha vintena de integrantes das entidades veciñais e representantes do Concello coñeceron hoxe o Plan municipal de abastecemento autónomo, no marco da experiencia piloto na que tamén participan os concellos de Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra e San Xoán de Río

A Xunta analiza coas comunidades de traídas veciñais de Baleira as pautas para mellorar a autoxestión sostible e segura dos seus sistemas de abastecemento

Os técnicos de Augas de Galicia presentaron hoxe esta ferramenta que promove as accións necesarias para garantir o abastecemento de auga potable á poboación, dotándoa dun instrumento de planificación clave para a mellora deste servizo, de competencia municipal


Desde o 2020 a Xunta leva concedido 136 axudas por importe de 1,36 M€ para apoiar as traídas veciñais no ámbito rural, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer ás poboacións máis afastadas


Estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, presentoulles esta mañá aos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de auga do concello de Baleira os resultados do proxecto de Plan municipal de abastecemento autónomo para unha autoxestión sostible, segura e resiliente dos seus sistemas de abastecemento.

 

Este encontro enmárcase no traballo que está a desenvolver a administración hidráulica da Xunta de elaboración dos primeiros plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, unha ferramenta que ten como obxectivo mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir auga potable á poboación, dotando dun instrumento de planificación para a mellora deste servizo, de competencia municipal.

 

En concreto, ao encontro celebrado hoxe no centro sociocultural de Baleira asistiron máis dunha vintena de representantes veciñais e do Concello de Baleira, que coñeceron de primeira man as conclusións finais dos primeiros plan municipais de abastecemento autónomo de Galicia, impulsados pola Xunta, e en cuxa experiencia piloto tamén participan as comunidades de usuarios dos concellos de Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra e San Xoán de Río.

 

Nesta fase final do proxecto, os técnicos de Augas de Galicia están a organizar os actos de presentación cos veciños e representantes das traídas municipais dos 6 concellos que participan na iniciativa. A semana pasada realizouse esta xornada no concello de Mondariz.

 

Estes encontros son fundamentais para dar a coñecer as conclusións e claves dos plans entre os propietarios e representantes das traídas veciñais, e tamén aos concellos, xa que son os axentes fundamentais no desenvolvemento dos Plans municipais de abastecemento autónomo.

 

Cada un dos municipios participantes acolleu hai un ano unha reunión inicial cos técnicos de Augas de Galicia que serviu para desenvolver a primeira fase de inventariado e estudo dos sistemas de autoabastecemento destes municipios. Nunha segunda fase analizáronse os datos recabados e fíxose unha proposta de melloras que se deberían aplicar nestes sistemas de abastecemento. Esa información empregouse para unha terceira fase, que culminou na elaboración dun documento oficial de Plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, que recollerán as pautas que deben rexer este tipo de traídas, específicas para cada municipio.

 

En definitiva, o obxectivo final destes encontros é achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportado a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

 

Cómpre lembrar que o departamento que a Xunta lanzou no ano 2020 a primeira convocatoria axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, en apoio ao importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas.

 

Deste xeito, no marco das tres últimas convocatorias, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva concedidas 136 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de máis de 1,36 M€.

 

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023