Xunta e universidades cooperarán para investigar sobre terapias avanzadas no novo centro galego destes fármacos

Os conselleiros de Economía e Sanidade, os tres reitores das universidades galegas, e os representantes das tres fundacións de investigación sanitaria, asinaron hoxe o protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia


O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, lembrou que a Xunta traballa na elaboración dun decreto para o desenvolvemento da carreira investigadora, do que se poderían beneficiar máis de 500 investigadores e técnicos de investigación dos centros dependentes da Administración galega


Julio García Comesaña dixo que prevese que o centro funcione xa en probas no último trimestre deste ano, para asegurar os máximos estándares de calidade

 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023 O Pazo de San Lourenzo acolleu hoxe o acto de sinatura do Protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia, documento que foi asinado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polos tres reitores das universidades galegas, Antonio López Díaz, da Universidade de Santiago; Julio Abalde Alonso, da Universidade da Coruña; e Manuel Reigosa Roger, da Universidade de Vigo. Tamén asinaron o protocolo os representantes das tres fundacións de investigación sanitaria.

Previo ao acto de sinatura, as autoridades visitaron as instalacións do futuro Centro de fabricación de terapias avanzadas.

Tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de sinatura, este documento sementa os alicerces dunha rede de investigación que permitirá aproveitar as sinerxías entre os distintos grupos, institutos e centros de investigación de Galicia, así como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

O titular da carteira sanitaria agarda que o centro, que ten un investimento que supera os 2,5 millóns de euros, estea funcionando xa en probas no último trimestre deste ano, para asegurar os máximos estándares de calidade. No que atinxe ao persoal, -segundo sinalou Comesaña-, examinarase no mes de maio e incorporarase no verán, para realizar a formación necesaria.

A unidade desenvolverá novas terapias avanzadas coa idea de que no futuro “poidamos incorporar eses tratamentos á carteira de servizos do centro e ofrecérllelos despois aos pacientes do Servizo Galego de Saúde”, -remarcou o conselleiro de Sanidade-.

Para rematar a súa intervención, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que “a Xunta segue a avanzar para que o noso sistema sanitario sexa punteiro no eido das terapias innovadoras, situando a Galicia como referente na investigación e produción de tratamentos avanzados”.

Novo decreto para a estabilización do persoal investigador

Pola súa banda, o vicepresidente económico destacou que a Unidade de Investigación en Terapias Avanzadas suma un plus á liña de traballo que vén mantendo a Xunta e é un novo paso para consolidar un ecosistema biotecnolóxico de referencia.

Conde quixo facer un recoñecemento a todos os institutos e grupos de investigación de Galicia que van achegar o seu talento a esta unidade, e lembrou que a Xunta traballa na elaboración dun decreto que fixará as mellores condicións para o desenvolvemento na Comunidade da carreira investigadora, do que se poderían beneficiar máis de 500 investigadores e técnicos de investigación dos centros dependentes da Administración galega.

Departamento:
C. de Sanidade
Data de actualización: 21/03/2023