A Xunta adxudica por máis de 1,66 M€ a execución das obras de mellora do saneamento municipal de Cambados

A actuación inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano, con novos colectores, a optimización do sistema na zona do Facho ou a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello

Esta intervención é unha das previstas pola Xunta para dar un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa


Augas de Galicia vén de iniciar este mesmo mes as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporán un orzamento de preto de 10 M€
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de augas de Galicia, vén de adxudicar por un investimento de 1.661.523 euros a execución das obras de mellora do saneamento municipal de Cambados.

 

Esta actuación, que foi adxudicada á empresa Petrolam Infraestructuras, S.L., e conta cun prazo de execución de 15 meses, inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano de Cambados, proxectando novos colectores para crear unha rede separativa en certas concas.

 

Tamén se prevé a optimización do sistema na zona do Facho con dúas novas impulsións, así como cunha serie de novos colectores.

 

A intervención recolle, ademais, a automatización e telecontrol de bombeos principais e a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello.

 

Impulso ao saneamento da ría de Arousa

Esta actuación é unha das previstas pola Xunta para dar un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa.

 

No marco destes proxectos, o Goberno galego iniciou este mes as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporá un orzamento de preto de 10M€ e avanza na mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 M€.

 

Porén, a falta de autorización de Costas impide que se poida executar a outra obra prevista pola Xunta para a mellora do saneamento, o proxecto de mellora do colector que vai de Vilanova de Arousa a Cambados.

 

Todas estas actuacións serán cofinanciadas con fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

Cómpre lembrar que todas estas intervencións están enmarcadas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, que está executado xa por riba do 80%, ao permitir coñecer en profundidade os sistemas de saneamento municipais e as súas necesidades e programar os proxectos precisos.

Data de actualización: 21/03/2023