A conselleira do Mar compareceu no Parlamento para avaliar as comunicacións en materia de pesca realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro

Galicia advirte de que o futuro da frota pesqueira está en risco pola deriva de Bruxelas cara a políticas en exceso medioambientalistas sen base científica

A titular de Mar salienta que a comunidade vai apoiar ao Goberno central na busca de aliados para crear un grupo de presión forte con outros países que permita frear o cúmulo de despropósitos que pretende poñer en marcha a Comisión Europea

Rosa Quintana subliña que medidas como o plan de acción para protexer os ecosistemas mariños mediante a limitación de artes como o arrastre é un exemplo de desconexión da realidade que padecen algúns departamentos comunitarios

A Xunta avisa de que o impacto deste tipo de decisións pode ser mortal para numerosas empresas que realizaron importantes investimentos nos últimos anos e se ven dun día para outro expulsados dunha parte fundamental dos seus caladoiros

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu hoxe no Parlamento galego para avaliar as comunicacións en materia de pesca realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro e advertiu de que os plans de Bruxelas para esta actividade poñen en risco o futuro da frota pesqueira ao contar cunha excesiva visión medioambiental con medidas arbitrarias e sen avais científicos.

A titular de Mar, que interveu a petición propia na Cámara, incidiu en que os documentos elaborados polo Executivo comunitario inclúen un cúmulo de despropósitos e medidas que se pretenden adoptar en distintos eidos malia carecer de estudos sobre a situación real da que se parte ou dunha avaliación seria dos obxectivos que se pretenden acadar. Trátase, engadiu, dunha serie de principios cos que, supostamente, se busca favorecer a actividade pesqueira e o labor dos pescadores pero que, paradoxalmente, son os principais prexudicados por estas medidas.

Ante esta situación, a representante do Executivo galego incidiu en que Galicia vai facer presión e manter contactos con múltiples instancias ao tempo que apoiará ao Goberno central na busca de aliados entre o resto de países da Unión Europea para crear un grupo de presión forte e frear as propostas sen sentido presentadas por Bruxelas.

Rosa Quintana lamentou que esas catro comunicacións realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro -unha avaliación da Política Pesqueira Común (PPC), outra da organización común de mercados dos produtos da pesca e da acuicultura, o plan de acción para protexer os ecosistemas mariños para unha pesca sustentable e a estratexia para a transición enerxética do sector pesqueiro da UE- mostran que certos departamentos da Comisión Europea, como a Comisaría de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, están desconectados da realidade.

Este feito, explicou a titular de Mar, quedou constatado no último Consello Galego de Pesca, no que se analizou unha nota xurídica encargada á Fundación MarInnLeg que certifica que as comunicacións do Executivo comunitario teñen numerosas eivas e se sustentan principalmente no aspecto medioambiental, esquecendo case por completo os eidos social e económico.

A representante da Xunta lembrou que unha das grandes apostas do comisario Virjinijus Sinkevicius é o plan de acción para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, unha medida cun marcado cariz medioambiental e que se pretende adoptar malia carecer de información sobre o impacto da actividade pesqueira sobre os hábitats e especies, na liña do que xa se fixo coas 87 vedas á pesca de fondo en augas comunitarias. 

Neste sentido, asegurou que a pretensión de prohibir o arrastre nas áreas mariñas protexidas antes de 2030 e no 20 % das augas de cada estado membro xa en 2024 non pode considerarse un plan gradual. De feito, o seu impacto pode ser mortal para numerosas empresas que realizaron importantes investimentos nos últimos anos e que dun día para outro se ven privados dunha parte fundamental dos seus caladoiros.

A estratexia para a transición enerxética do sector, engadiu a conselleira, conta con eivas moi semellantes pois pretende chegar ao barco de futuro sen definir como, sen sinalar cales poderían ser as fontes de enerxía alternativas e sen ofrecer financiamento adicional para acelerar as investigacións. Este xeito de actuar, lamentou Rosa Quintana, non é serio e estase a converter nalgo habitual no seo da Comisión Europea.     

Avaliación da PPC

A representante do Executivo galego tamén fixo referencia á avaliación da PPC feita por Bruxelas, na que botou en falta unha maior autocrítica posto que non se acadaron os obxectivos para os que foi deseñada e con numerosos retos -como a obriga de desembarque, a gobernanza, a igualdade de condicións entre as distintas frotas ou a remuda xeracional- aos que aínda non deu resposta.

Nesta liña, lamentou que a política pesqueira actual é incoherente, incompleta, ineficaz,  inxusta e inconexa pois fala de garantir a seguridade alimentaria e dos produtos locais, pero adopta medidas que reducen a capacidade pesqueira e abren a porta ás importacións. No mesmo sentido, despreza totalmente o aspecto social da actividade pesqueira e acuícola pois fala de facer atractivo o sector para a xente nova, pero aposta en primeiro lugar pola eficiencia enerxética ou a busca de artes máis sostibles en vez de impulsar a seguridade e mellora real do benestar a bordo das embarcacións.

A titular de Mar salientou que a visión dada por Bruxelas da PPC dista moito do ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca e non resolve ningún dos problemas expostos polo sector marítimo-pesqueiro galego. Por iso, apelou á necesidade de crear unha fronte común forte para frear as medidas máis lesivas promovidas pola Comisión Europea e incidiu en que Galicia defenderá os intereses da súa frota en todas as instancias igual que está a facer no caso do veto á pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023