Promoción do Emprego exporá mañá na Semana da Administración Aberta os apoios autonómicos ao emprendemento e no eido laboral

A participación da Consellería nestas xornadas continuará o venres coa intervención da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sobre as liñas estratéxicas de traballo da súa área

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participará mañá e o venres na Semana da Administración Aberta que se está a celebrar para dar a coñecer á cidadanía a organización da administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan os departamentos e entidades da Xunta, á vez que supón unha oportunidade para escoitar as inquedanzas e suxestións directas da veciñanza.

Deste xeito, mañá o Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Pontevedra Norte e Rías Baixas, emprazado en Silleda, acollerá a partir das 10,00 horas a intervención da secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nun encontro informativo sobre os apoios ao emprego e ao emprendemento da Administración autonómica.

Na súa exposición, Toca, ademais de dar conta dos principais programas e axudas da Xunta en materia de emprego, fará fincapé na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa coa que a Xunta busca atraer o emprendemento á mocidade e outorgarlle as ferramentas para que as ideas de negocio poidan xerminar.

En total, a Rede estará conformada por 12 polos, 12 oficinas de asesoramento das que xa están operativas cinco (Ourense centro e sur; Pontevedra norte e Rías Baixas; Costa da Morte; Lugo sur; e Rías Altas e Arco Ártabro) e nos que se ofreceu ata o de agora un asesoramento personalizado e permanente a 195 persoas emprendedoras, axudándolles a desenvolver 184 proxectos empresariais mediante a realización de máis de 610 sesións de titorización, emprendendo en sectores como a agricultura, turismo, servizos sanitarios e sociais ou xestión de residuos.

A participación da Consellería nesta Semana da Administración Aberta continuará o venres ás 10,00 horas coa intervención da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que centrará a súa exposición, que se celebrará no Consello Económico e Social, nas liñas estratéxicas de traballo da área que dirixe.

A área de Igualdade conta este ano nos orzamentos da Consellería cun presuposto que crece con respecto a 2022 nun 41,4 % ata os 44,5 millóns de euros, reforzándose a loita contra a violencia de xénero -que conta con 20,5 millóns, un 14,7 % máis que en 2022- co obxectivo de inxectar máis recursos e prestacións para as vítimas.

A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week). O seu obxectivo principal é achegar as Administracións Públicas á cidadanía, baseándose nos principios nos que se sustenta o Goberno Aberto: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

Data de actualización: 21/03/2023