A Xunta colabora na mellora enerxética das instalacións deportivas de Ribadumia cunha achega de 25.500 €

A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron o campo de fútbol e o polideportivo municipal de Barrantes, nos que se renovou a iluminación
 

As actuacións enmárcanse no Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11 M€ para facilitarlles aos concellos accións a prol do medio natural
 

Ribadumia (Pontevedra), 20 de marzo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe o concello de Ribadumia para coñecer as melloras feitas nas instalacións deportivas de Barrantes co apoio da Xunta. O Goberno galego colaborou cunha achega de máis de 25.500 euros na renovación da iluminación do campo de fútbol e do polideportivo municipal, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo explicou Natalia Prieto, a través da iniciativa, no campo de fútbol da Bouza substituíronse os halóxenos por luminarias LED con maior rendemento e vida útil, ademais de menor consumo. Así, instaláronse en cada unha das cinco torres e na zona de grada 25 proxectores, de 440 vatios. No polideportivo municipal renovouse tamén a iluminación con lámpadas LED.  

A directora xeral destacou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental, dotado este ano con máis de 11 millóns de euros, para facilitarlles a concellos, mancomunidades e consorcios locais o desenvolvemento de medidas a prol do medio natural. Así, subvenciónanse accións como campañas divulgativas, melloras de eficiencia enerxética, integracións paisaxísticas ou proxectos para evitar a degradación

A maiores desta achega, o concello de Ribadumia beneficiouse tamén da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental en 2022 a través do proxecto Salnés medioambiental X: mellora da eficiencia enerxética na sede administrativa da mancomunidade e mantemento, do que forma parte esta localidade xunto con Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. A Xunta destinou preto de 35.000 euros á iniciativa.

Mellora nos parques infantís

Por outra banda, Ribadumia acolleuse o pasado ano ás axudas da Orde de infraestruturas de uso público, a través das que o Goberno galego colaborou na mellora dos parques infantís municipais cunha achega superior aos 12.000 euros. No conxunto dos últimos anos a contía investida neste concello no marco das distintas liñas de apoio ao eido local suma preto de 1 millón de euros. Cómpre sinalar tamén que os concellos contan cada ano co Fondo base de cooperación local, do que Ribadumia dispuxo en 2022 de case 200.000 euros. 

Natalia Prieto incidiu en que estas distintas liñas de colaboración se enmarcan no compromiso da Xunta coas administracións locais e co equilibrio territorial, de xeito que todos os galegos e galegas dispoñan de instalacións e servizos municipais nas mellores condicións tanto nos ámbitos rurais coma urbanos, e de costa ou de interior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2023