O conselleiro do Medio Rural e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria atópanse hoxe na feira para apoiar coa súa presenza as 67 adegas galegas participantes

A Xunta apoia os viños galegos de calidade na Feira Prowein da Alemaña

O evento -o máis importante do sector do viño en Europa- prolongarase ata este martes 21 na cidade de Düsseldorf
 

Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países
 

Düsseldorf (A Alemaña), 19 de marzo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, atópanse hoxe na feira Prowein da Alemaña apoiando os viños galegos de calidade. No evento, que se celebra ata este martes 21 de marzo na cidade de Düsseldorf, están a participar un total de 67 empresas galegas, acompañadas dos seus respectivos consellos reguladores.

Alí, o conselleiro puxo en valor a presenza en eventos coma este, na liña do que se persegue coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que busca consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce. Nesa dirección, cabe resaltar tamén que a Xunta destina neste 2023 preto de 5,5 millóns de euros á promoción dos nosos produtos de calidade.
 
No aspecto normativo, cómpre sinalar que figuras da Lei de recuperación de terra como os polígonos agroforestais están a impulsar a posta en valor de grandes áreas de terreo para cultivos de viñedo proxectados para as distintas denominacións de orixe vitivinícolas galegas, entre outros usos. Así mesmo, cabe mencionar o pulo que suporá a futura Lei da calidade alimentaria, para que os produtos alimentarios galegos acaden unha nova dimensión no mercado. 

Prowein 2023

Na feira Prowein, o consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas está presente cunha caseta propia, onde organizará un túnel do viño, no cal participarán 94 marcas de 54 adegas. Ademais, están un total de 11 adegas coexpositoras. A denominación de orixe Ribeiro tamén contará cun posto propio onde se exporán ata 25 referencias de viños brancos e tintos. Así mesmo, participan tamén nesta feira -con caseta propia- un total de oito empresas desta denominación.

O consello regulador de Valdeorras acode ao certame da man de 15 empresas coexpositoras, mentres que o de Ribeira Sacra o fai con 19 adegas. Por último, a denominación de orixe Monterrei levará mostras de 14 adegas que exporá no seu posto.

A feira Prowein está centrada no sector do viño e outras bebidas espirituosas, dirixida exclusivamente a un público profesional. Así, os visitantes que acoden son expertos compradores das distintas canles de distribución (almacenistas, industria hostaleira, cátering, retallista especializado, importadores, grandes cadeas de distribución, etc.). Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países. Dese xeito, consolídase como a feira máis importante do viño en Europa e unha das máis relevantes a nivel internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2023