O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe en Noia nunha xuntanza organizada por este colectivo

A Xunta garante que continuará a dar o seu apoio ás familias monoparentais de Galicia

Lamenta o retroceso que supón para moitas delas a nova lei que está a tramitar o Executivo central

Noia (A Coruña), 19 de marzo de 2023 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, garantiu hoxe a continuidade do apoio da Xunta ás preto de 2000 familias monoparentais que xa hai certificadas na Comunidade Autónoma. Díxoo no transcurso dunha xuntanza celebrada en Noia.

 Jacobo Rey lamentou o retroceso que supón para moitas familias monoparentais de Galicia a nova Lei de Familias que está a tramitar o Executivo central e á que a Xunta presentou alegacións. Ao respecto, apuntou que, de aplicarse esta normativa tal e como están perderán esta categoría e non poderán acceder aos beneficios que leva asociados.  

Neste sentido, o director xeral explicou que a lei gobernamental limita o concepto de familia monoparental a aquelas cun só proxenitor recoñecido ou cun proxenitor que ten custodia exclusiva e non ten dereito a unha pensión de alimentos. Pola contra, a lei galega recoñece nestes momentos como familias monoparentais a aqueles proxenitores con custodia exclusiva —reciban ou non pensión de alimentos— ao entender que se enfrontan aos mesmos problemas de conciliación.  

Así pois, de non modificarse esta cuestión perderán o título de familia monoparental moitas familias galegas que actualmente o teñen recoñecido.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2023