A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe cos equipos participantes no evento, que ten como sede a Residencia da Tempo Libre da Xunta no Carballiño

Universitarios dos campus de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo compiten na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove

Un total de dez equipos debateron sobre a seguinte cuestión: ‘Está preparado o Estado de benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’

O Carballiño (Ourense), 18 de marzo de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á fase clasificatoria na categoría de Universidade do programa Parlamento Xove. Unha decena de equipos —seis do campus de Santiago de Compostela, tres do campus de Vigo e un do campus da Coruña— formados por un total de 37 universitarios déronse cita dende onte na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño. 

O tema de debate que afrontaron os equipos é o seguinte:  ‘Está preparado o Estado do benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’. Tiveron que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra, coa dificultade de que soamente cinco minutos antes de cada debate soubo cada equipo da postura a adoptar. 

Esta é a terceira fase clasificatoria que se celebra nesta nova edición de Parlamento Xove. Con anterioridade desenvolvéronse, tamén nas instalacións da Residencia de Tempo Libre do Carballiño, a de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e a de Bacharelato.  

Mellorar a expresión e fomentar o traballo en equipo

O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo dos participantes en aspectos como a expresión oral e escrita, a orixinalidade ou a argumentación razoada, entre outros. Así mesmo, este certame de debate fomenta o traballo en equipo, o liderado, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais. 

En total, en Parlamento Xove 2023 inscribíronse 56 equipos e 267 participantes en todas as categorías. Aos que compiten na de Universidade hai que engadir 24 equipos e 96 mozos de ESO; 18 equipos e 72 alumnos de Bacharelato; e 4 equipos e 16 alumnos de Formación Profesional, categoría que se incorpora como novidade este ano. Dende o inicio de Parlamento Xove no ano 2010 teñen debatido neste certame máis de 500 equipos e superáronse os 2.500 participantes.

 

 

Data de actualización: 18/03/2023