A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro

A Xunta destina 7 millóns de euros á adaptación da residencia pública autonómica das Gándaras ao novo modelo de coidados

Crearanse unidades de convivencia para os usuarios, impulsaranse novos espazos de atención sanitaria e renovarase a fachada e as carpinterías exteriores

A residencia de maiores das Gándaras é unha das primeiras de toda España en contar cun certificado de calidade que recoñece a súa eficiencia en base a normas e estándares internacionais

O Goberno galego avanza cara o novo modelo de coidados mediante a creación de habitacións intelixentes, o fluxo de información entre o ámbito social e o sanitario e o impulso dos primeiros centro de coidados intermedios de toda España
 

Lugo, 18 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou esta mañá as obras de mellora e adaptación ao novo modelo de coidados que se realizarán na residencia pública autonómica das Gándaras, en Lugo, e ás que se destinará un orzamento de 7 millóns de euros. Fíxoo durante unha visita ao centro durante esta mañá, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

 Esta reforma integral suporá a creación de unidades de convivencia para os usuarios, novos espazos de atención sanitaria e unha renovación completa da fachada e as carpinterías exteriores. Desta maneira, este centro avanzará cara o novo modelo de coidados de Galicia, que ten como piares fundamentais unha reorganización dos espazos para facelos máis persoais, unha maior humanización dos centros, así como o uso de vantaxes tecnolóxicas e unha maior coordinación sociosanitaria.  

A conselleira lembrou que este centro poderá seguir consolidándose como unha referencia na atención a maiores en toda a provincia de Lugo, como leva facendo durante os últimos corenta anos. Neste sentido, apuntou que As Gándaras é un dos primeiros centros de toda España, xunto con Porta do Camiño en Santiago e a residencia pública autonómica da Estrada, en contar cun certificado de calidade que recoñece a súa eficiencia en base a normas e estándares internacionais.  

Cara o novo modelo de coidados

Así mesmo, Fabiola García destacou que o Goberno galego está a transformar os piares do novo modelo de coidados en medidas e actuacións concretas. Mostra diso, explicou, son a transformación das habitacións de todas as residencias públicas autonómicas que se converterán en espazos intelixentes; tamén mediante a creación do primeiro censo de usuarios que integra información do Sistema galego de dependencia e da Historia Clínica Electrónica; ou da creación dos primeiros centros de coidados intermedios públicos de España, que se situarán nos concellos de Mos e Santiago.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2023