A Xunta impartirá esta semana actividades sobre a importancia da auga e o saneamento a alumnos de Educación Primaria e Secundaria co gallo do Día mundial o 22 de marzo

O obxectivo fixado para o Día Mundial da Auga deste ano é acelerar o cambio e promover a consecución da meta de “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030

Os alumnos do IES de Brión, que participan no Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía- STEAMbach, visitarán o mércores a depuradora dos Praceres, en Pontevedra

Augas de Galicia trasladará experiencias reais e coñecementos sobre a depuración de augas residuais e concienciará da importancia de garantir un bo estado das masas de auga

Os alumnos do CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas, e do CEIP de Ponte do Porto en Camariñas participarán o xoves e o venres, respectivamente, en talleres sobre a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela

Esta programación tamén inclúe unha visita o xoves de profesionais do sector industrial de Meaño á depuradora da localidade, co fin de afondar nos efectos dos vertidos e establecer a colaboración entre as Administracións públicas e as empresas da zona
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023

A Xunta impartirá a vindeira semana actividades a alumnos de Educación Primaria e Secundaria para conmemorar o Día Mundial da Auga, que se celebra o mércores día 22.

O Día Mundial del Auga ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación sobre a necesidade de xestionala de forma sostible.

Este ano a meta perseguida é “Acelerar o cambio” e promover o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030.

No que se refire á programación prevista de actividades por parte de Augas de Galicia, o vindeiro mércores os alumnos do IES de Brión, que están participando no Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía- STEAMbach, poderán realizar unha visita guiada á depuradora dos Praceres, en Pontevedra.

O STEMbach está enmarcado na Estratexia Galega para a Educación Dixital e ten como obxectivo promover a vocación do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato cara á investigación científica e tecnolóxica.

Este programa ofrece unha oportunidade de divulgación no campo do tratamento de augas residuais e dá a coñecer e valorar o esforzo das administracións públicas e da sociedade en xeral, no investimento en infraestruturas de depuración e o seu mantemento e explotación.

Augas de Galicia trasladará aos alumnos experiencias reais e coñecementos científicos-prácticos adquiridos ao longo dos anos en depuración de augas residuais, e ao mesmo tempo, concienciará sobre a importancia de garantir un bo estado das masas de auga.

Por outra parte, o xoves Augas de Galicia impartirá talleres a alumnos dos cursos de 1º e 2º curso de Primaria, concretamente no CEIP Manuel Cordo Boullosa, en Ponte Caldelas.

O venres, día 24, serán os alumnos do CEIP de Ponte do Porto en Camariñas os que participarán nos dous talleres que se realizarán, dirixidos a estudantes de 1º e 2º de Primaria. 

Estes talleres teñen como obxectivo concienciar sobre a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela; identificar a auga residual e o seu impacto sobre o contorno; ou coñecer que é unha depuradora e como funciona.

Ademais, a Xunta realizará o xoves unha xornada dirixida ao sector industrial en Meaño, celebrando unha visita á depuradora da localidade. Trátase de sensibilizar sobre os efectos dos vertidos industrias e establecer pontes de colaboración e intercambio de información entre as Administracións públicas e as empresas da zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2023