A Xunta completa a formación de 136 persoas que desenvolverán traballos de orientación e prospección laboral nas oficinas galegas de emprego

Durante esta semana, o novo persoal actualizou os seus coñecementos normativos e recibiu cualificación para dispensar atención de calidade á cidadanía

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade deu a benvida ás e aos profesionais que, segundo afirmou, serán fundamentais na atención a colectivos con maiores dificultades de cara ao traballo

As 136 persoas prestarán os seus servizos nas 53 oficinas autonómicas de emprego, que ven incrementada deste xeito a súa plantilla nun 25 %

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, deu a benvida ao novo servizo autonómico e permanente de orientación laboral e prospección empresarial integrado por 136 orientadores, que esta semana completaron a súa formación inicial teórica e práctica no Centro de Novas Tecnoloxías e na Escola Galega de Administración Pública.

Grazas a un investimento de arredor de 5 millóns de euros, o Goberno galego incorporou este grupo de profesionais, “necesarios para optimizar os apoios que se veñen prestando desde o servizo de emprego de Galicia”, destacou Lorenzana.

Con esta medida, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade amplía o servizo de orientación con carácter xeral e permanente e consolida a atención que se dispensa ás persoas usuarias a través da rede autonómica de oficinas de emprego.

O obxectivo da medida pasa polo reforzo da atención de colectivos prioritarios na busca da súa empregabilidade como mozas e mozos ou parados de larga duración, destacou a conselleira, que animou ás novas incorporacións a ofrecer un servizo de calidade e, sobre todo, próximo ás persoas.  

Os 136 postos quedarán repartidos nas 53 oficinas de emprego das correspondentes Xefaturas Territoriais de Promoción do Emprego da Xunta, que, deste xeito, ven incrementado o seu persoal nun 25 %: 46 técnicos medios de orientación están destinados en oficinas da Coruña; 16 en Lugo; 18 en Ourense; 50 en Pontevedra; e os 6 restantes directamente no servizo de orientación laboral e o de intermediación da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Todas as oficinas están a recibir persoal adicional para reforzar os servizos de orientación, para potenciar a captación de ofertas de emprego e favorecer a comunicación co tecido empresarial, remarcou a conselleira.

Coa formación que agora remata, as persoas orientadoras puideron coñecer da estrutura e competencias do servizo galego de emprego, actualizar os seus coñecementos sobre ferramentas e metodoloxías e adquirir competencias necesarias para dispensar unha atención cidadá de calidade.

Celebráronse sesións acerca do novo marco lexislativo de emprego e dos programas que desenvolve na actualidade a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Tal e como apuntou a conselleira, esta formación é imprescindible no marco da estratexia que a Xunta está a desenvolver para facer que os servizos de emprego sexan máis próximos, accesibles e flexibles e garantan unha atención de calidade. Neste camiño, incidiu, o papel da orientación e prospección resultará fundamental para garantir a empregabilidade de colectivos con maiores dificultades e facer casar a oferta de persoal coas demandas do tecido produtivo para dar cobertura ás súas vacantes.

A posta en marcha do servizo de orientación enmárcase no proceso de modernización que a Xunta está a acometer cos  seus servizos de emprego. Neste contexto, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a renovar, nalgúns casos adquirindo novas infraestruturas, as oficinas de emprego, cun investimento previsto en 2023 de 3,3 millóns de euros. Tamén se completará a dixitalización das oficinas cun novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real e se lanzará unha nova oferta formativa para o persoal do servizo.

A Xunta acaba de completar o proceso de creación dun distrito único para os servizos de emprego. Desde o ano pasado as entidades empregadoras poden presentar e tramitar ofertas en calquera sede, independentemente do lugar onde se localice o posto convocado. As persoas demandantes de emprego xa podían dirixirse a calquera oficina desde o pasado maio para realizar xestións e inscribirse nas mesmas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023