A Xunta presenta o proxecto de rehabilitación e posta en valor da igrexa de San Martiño de Salcedo cun investimento de 280.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo arquitecto redactor, Carlos Rosón, deu a coñecer á veciñanza as doce intervencións previstas e anunciou a intención de contratar as obras antes de que remate o ano


A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades agarda recibir nunhas semanas o proxecto definitivo de execución para iniciar o proceso de licitación e favorecer a conservación deste ben relixioso de gran valor patrimonial


A actuación contempla diversas melloras, algunhas de gran calado, na cuberta e a fachada, a escultura de San Martiño, o coro, a estrutura, as carpintarías exteriores, o interior, a torre do campanario e as cúpulas
 

Pontevedra, 17 de marzo de 2023 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá aos veciños da parroquia pontevedresa de Salcedo o proxecto de rehabilitación e posta en valor da igrexa de San Martiño, que suporá un investimento duns 280.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste acto estivo acompañado polo arquitecto redactor, Carlos Rosón, que explicou as especificacións técnicas desta actuación.

O proxecto contempla ata unha ducia de intervencións distintas que supoñen unha restauración global e transversal deste ben relixioso de gran valor patrimonial e que están orientadas a favorecer a súa conservación. As mesmas, algunhas de gran calado, desenvolveranse en practicamente todos os espazos do templo e beneficiarán á cuberta, a fachada, a escultura de San Martiño, o coro, a estrutura, as carpintarías exteriores, o interior, a torre do campanario e as cúpulas.

Actualmente, o proxecto definitivo de execución de obra atópase na fase final da súa redacción e a consellería agarda recibilo nas vindeiras semanas para iniciar, de inmediato, o proceso de licitación das obras. O representante autonómico explicou que, tras a recepción deste documento, estímase que todo o período administrativo de contratación prolongarase por espazo duns cinco meses, polo que se agarda que quede rematado no derradeiro cuadrimestre do presente ano.

En canto ás obras previstas, as máis importantes desenvolveranse na cuberta e consistirán na renovación de toda a súa estrutura con paramentos verticais, a protección da superficie horizontal da torre da campá cun oco ventilado para evitar a entrada de auga, a dotación dun apoio da estrutura da cuberta do cruceiro e da capela maior, a substitución das trabes de formigón por cerchas de castiñeiro, a retirada do entullo acumulado sobre as bóvedas, xa que dificulta a disipación das humidades, e o saneamento do morteiro dos nervios da estrutura.

No que respecta ás fachadas, está previsto que se repoñan os sillares que faltan na parte superior da parede sur, que se realice un novo rexuntado con morteiro de cal e unha limpeza suave da canteiría nas zonas sur e oeste e que se acometa unha actuación integral na escultura exterior de San Martiño para garantir a súa estabilidade e recuperar a súa beleza.

Por outra banda, farase unha intervención nalgunhas carpintarías exteriores para engadir un sistema que permita que haxa ventilación cruzada, recurtarase o perímetro do pavimento de madeira do interior para evitar o seu contacto coa humidade dos muros e, xa no coro, renovarase o sistema de ancoraxes da balaustrada e realizarase un novo rexuntado.

Finalmente, na torre do campanario colocarase un sistema que impida a entrada de auga e paxaros e permita a ventilación nos ocos da escaleira da torre e rexuntaranse con morteiro de cal as cúpulas das dúas torres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023