A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta avanza en novos proxectos en Pontevedra, Poio e Marín para mellorar o saneamento da ría, tras investir 30 M€ cos que se evitou a sanción da UE

Teresa Gutiérrez concreta que xa están en supervisión dous proxectos de mellora do saneamento, un en Poio e outro en Marín

Indica que se avanza na redacción do proxecto de adecuación da capacidade do bombeo de Cocheiras á depuradora dos Praceres, pero lamenta a falta de axilidade de Costas, que desde xullo non emitiu resposta á petición de informe

Subliña que estas intervencións se suman á mellora da depuradora dos Praceres, con 16,5 M€ de investimento autonómico, e ao emisario submarino con 12 M€, que permitiron reverter o expediente sancionador da Unión Europea
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

A Xunta avanza en novos proxectos en Pontevedra, Poio e Marín para mellorar o saneamento da ría, tras investir 30 M€ na mellora da depuradora dos Praceres e no emisario submarino cos que logrou evitar a sanción millonaria da Unión Europea.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde detallou que estes novos proxectos complementan as obras xa executadas, co fin de favorecer o correcto funcionamento das redes municipais.

 

Lembrou que o Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra determinou necesaria a realización destas novas intervencións, tendo xa acometida a mellora do colector xeral e contratada a mellora da nova impulsión en Marín.

 

Concretou que agora mesmo están en fase de supervisión dous proxectos de mellora do saneamento en Poio e en Marín.

 

Indicou que tamén se avanza na redacción do proxecto de adecuación da capacidade de transporte da auga residual da estación de bombeo de Cocheiras á capacidade da estación depuradora dos Praceres. Non obstante, lamentou a falta de axilidade do organismo estatal de Costas, xa que Augas de Galicia solicitou informe en xullo de 2022 e aínda non se recibiu resposta.

 
Depuradora dos Praceres e emisario submarino

Subliñou que estas intervencións en proxecto súmanse á obra de mellora da depuradora dos Praceres, acometida cun investimento de 16,5 M€ e á do emisario submarino, cun orzamento de 12 M€.

 

Puxo o acento en que o impulso destas dúas actuacións permitiu reverter o expediente sancionador da Unión Europea por incumprimento dos parámetros de depuración na aglomeración urbana de Pontevedra-Poio-Marín.

 

En relación á ampliación da depuradora dos Praceres, Augas de Galicia está pendente  de iniciar a tramitación da licitación para a elaboración do documento ambiental e do proxecto construtivo.

 

A responsable de Augas de Galicia fixo fincapé no esforzo técnico e económico que a Xunta leva dirixido ao saneamento das rías, consciente do valor ambiental e socioeconómico que estes enclaves teñen para a comunidade. Neste sentido, o Goberno galego leva mobilizado desde 2009 un orzamento de 1.100M€ en actuacións nesta materia.

Data de actualización: 17/03/2023