A Xunta organiza unha xornada de portas abertas nas súas escolas infantís de Vite e Santa Susana

As familias interesadas en coñecer estes centros poderán facelo o vindeiro luns, día 20, a partir das 16:30 horas

Está aberto ata o vindeiro día 5 de abril o prazo de solicitude de matrícula nas escolas públicas autonómicas

A atención educativa neste curso será de novo gratuíta para todos os nenos de 0 a 3 anos e en todas as escolas infantís da Comunidade, con independencia da súa titularidade
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia organiza unha xornada de portas abertas nas súas escolas infantís de Vite e Santa Susana, en Santiago de Compostela. As familias interesadas en coñecer estes centros, as súas instalacións e o seu proxecto educativo poderán facelo o vindeiro luns, día 20, a partir das 16:30 horas.

Desde hoxe e ata o día 5 de abril está aberto o prazo de solicitude de matrícula para as escolas infantís públicas autonómicas para o vindeiro curso 2023-24, que será o segundo ano de gratuidade nestes centros. Galicia converteuse o pasado ano na primeira Comunidade en facer gratuítas todas as escolas infantís —independentemente da súa titularidade— durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida que beneficia a 31.000 familias que aforran arredor de 2.000 euros ao ano. Isto é posible porque a Xunta inviste máis de 55 millóns de euros por exercicio.

Ademais, no vindeiro curso 2023-2024 as escolas infantís serán aínda máis seguras grazas á ampliación do calendario de vacinación infantil, obrigatorio para todos os centros da nosa Comunidade. Galicia contará a partir deste ano co calendario de vacinas máis completo de todo o mundo ou incluír as vacinas fronte ao virus respiratorio sincitial e contra o rotavirus.

 
  
Data de actualización: 17/03/2023