O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as instalacións acompañado do alcalde, Fernando Javier Pérez Fernández

A Xunta financiará obras de mellora na vivenda comunitaria pública de Vilasantar

Destinaranse 36.000 euros para adecuar as habitacións, nas que con anterioridade xa se renovaron todas as camas

Así mesmo, pintaranse tanto os dormitorios como os distribuidores e instalaranse novos elementos, como biombos, espellos, portas, sanitarios ou pratos e cadeiras de ducha

Vilasantar (A Coruña), 17 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinará un convenio de colaboración co Concello de Vilasantar para mellorar as instalacións da vivenda comunitaria pública que o ente autonómico xestiona neste municipio e nas que investirá 36.000 euros. O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Fernando Javier Pérez Fernández, visitaron esta mañá este centro con capacidade para aloxar ata a 12 usuarios e no que actualmente reciben atención oito maiores.

 

Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio financiará os traballos, de cuxa execución encargarase o Concello. Estes permitirán continuar coa adecuación das habitacións da vivenda, nas que con anterioridade xa se renovaron todas as camas e, deste xeito, seguir aumentando o benestar e a comodidade dos usuarios.

 

Nesta nova intervención procederase ao pintado tanto dos dormitorios como dos distribuidores, e se instalarán novos elementos, como biombos, espellos, portas, sanitarios ou pratos e cadeiras de ducha. A actuación proxectada inclúe tamén a colocación de novos emisores térmicos ou acumuladores, así como a limpeza e revisións dos canlóns do inmoble.

 

Cesión de parcela

Por outra banda, Perfecto Rodríguez trasladou ao alcalde a vontade de cederlle ao Concello unha parcela de propiedade autonómica que é contigua á vivenda comunitaria. O Consorcio está a estudar a fórmula xurídica que se ten que seguir para levar a cabo esta cesión. A parcela ten unha superficie de arredor de 3.300 metros cadrados que se poderían destinar a usos municipais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2023