O Día da Xuventude leva mañá a Caldas de Reis numerosas actividades lúdicas e formativas

A programación desenvolverase desde as catro da tarde ata as nove da noite no patio do CPR Plurilingüe San Fermín


Celebraranse obradoiros de cociña saudable, igualdade de xénero e protección do medio ambiente e empregabilidade, entre outros


Tamén haberá diversos xogos, como futbolín humano, slackline ou tiro con arco


Todas as actividades serán gratuítas
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 17 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia leva mañá sábado o Día da Xuventude a Caldas de Reis, onde as mozas e mozos poderán desfrutar dun ampla programación de actividades de lecer e de educación non formal totalmente gratuítas. A xornada desenvolverase desde as catro da tarde ata as nove da noite no patio do CPR Plurilingüe San Fermín.

 

A xente nova que se achegue a este Día da Xuventude poderá tomar parte de obradoiros dinámicos de distintas temáticas, como a cociña saudable, a igualdade de xénero, a protección do medio ambiente e a empregabilidade ou de elaboración de graffitis, entre outros. Tamén haberá unha zona para a práctica de xogos como o fútbol burbulla, o futbolín humano, o slackline ou o tiro con arco. O final de festa correrá a cargo do músico Diego Méndez.

 

O Executivo autonómico reforzou nos últimos anos a oferta de actividades de ocio e de formación xuvenil para que este sector da poboación teña acceso a estas durante todo o ano, sen que estean limitadas unicamente a períodos non lectivos.

 
Padrón

A programación do Día da Xuventude está na tarde de hoxe en Padrón. As actividades teñen lugar de 16.00 a 21.00 horas no pavillón polideportivo do Grupo Escolar e inclúen un concerto de ‘Pecha e Cansela’.

 

Esta iniciativa autonómica terá a súa última parada deste mes de marzo en O Porriño —o sábado 25— e na primeira fin de semana do vindeiro mes de abril tocaralle desfrutar da mesma á xente nova de Ribadeo —o sábado 1 de abril— e de O Carballiño —o domingo 2 de abril—.

 

A Xunta puxo en marcha o Día da Xuventude a principios de este ano e percorrerá unha trintena de concellos cunha ampla programación para o entretemento e aprendizaxe de mozas e mozos. Ademais, con este programa se favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

Data de actualización: 17/03/2023