A Xunta inicia a exposición pública do mapa de ordenación de usos do polígono agroforestal de Santaia-Foxado en Curtis, que reordenará unhas 3.400 hectáreas de superficie

O mapa está colgado na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de anuncios do Concello, para que os veciños poidan presentar as observacións pertinentes no prazo máximo de tres meses

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural inicia a exposición pública do mapa de ordenación de usos agropecuarios e forestais do polígono agroforestal de Curtis, que reorganizará unha superficie dunhas 3.400 hectáreas de superficie divididas en case 6.200 parcelas. Así, pódense presentar alegacións a dito proxecto durante o prazo máximo de tres meses.

Deste xeito, o mapa de usos pode consultarse na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, e no taboleiro de anuncios do Concello de Curtis para presentar as observacións pertinentes. 

Este polígono permitirá mellorar a estrutura territorial das parroquias de Santa Eulalia e Santa María de Foxado mediante unha reestruturación da propiedade e a identificación das necesidades de agricultores, gandeiros e silvicultores. Así, o obxectivo prioritario deste polígono é a posta en produción de terreos agroforestais con boa capacidade produtiva que alcanzaron no tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando así unha adecuada actividade de explotación agrícola ou forestal.

Cómpre lembrar que os polígonos agroforestais son un dos instrumentos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta liña, desde a entrada en vigor desta norma -en maio de 2021- están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria unhas 10.000 hectáreas de terreo, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas desenvolvidas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Data de actualización: 17/03/2023