A Xunta destaca a aposta de Metalúrgica BB pola diversificación

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Carballo as instalacións desta empresa familiar que está sabendo interpretar as necesidades que existen no mercado para darlle resposta

Foi beneficiaria do programa Galicia Inviste, o que lle permitiu acometer investimentos en maquinaria por 1,2M€ a partir dunha axuda pública de 360.000 euros
 

Carballo (A Coruña), 16 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Carballo as instalacións da empresa familiar Metalúrgica BB da que destacou a súa capacidade de diversificación, que lle está permitindo interpretar as necesidades do mercado para darlles resposta.

Metalúrgica BB, que leva 26 anos en activo, conta con máis de 40 traballadores e está especializada na reparación e mantemento de maquinaria de grandes compoñente. Actualmente, traballa para os sectores madeireiro, alimentario, enerxético e mineiro.

Tal e como explicou Conde, a empresa é unha das beneficiarias do programa Galicia Inviste, grazas ao que puido mobilizar 1,2 M€ a partir dunha axuda pública de 360.000 euros coa que acometeu investimentos en maquinaria -dous novos tornos e unha fresadora-.

Desde a súa posta en marcha en 2018, este programa xa destinou 33 M€ para apoiar 360 proxectos cunha mobilización de 144 M€ en toda Galicia. No caso da comarca de Bergantiños foron oito iniciativas cunha axuda de 1,2 M€ e unha mobilización de 6 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023