A delegada territorial, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión co delegado de DomusVi e a coordinadora do centro para supervisar o inicio destas obras

A Xunta inviste algo máis de 1 M€ na reforma e mellora da accesibilidade dos baños da residencia de maiores de Laraxe

A intervención, que conta cun prazo de execución de 10 meses, contempla a renovación de acabados e instalacións dos 93 cuartos de baño de habitación, os 8 baños xeriátricos e os 10 aseos comúns de planta cos que conta o edificio

Cabanas (A Coruña), 16 de marzo de 2023 A Xunta inviste algo máis dun millón de euros na reforma e mellora da accesibilidade dos baños da residencia de maiores pública autonómica de Laraxe, en Cabanas. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Política Social e Xuventude, María Blanco, reuniuse esta mañá co delegado territorial de DomusVi, Pedro Fernández e a coordinadora do centro, Sonia Mosquera, para supervisar o inicio destas obras que obrigaron a reorganizar aos usuarios do centro.

Así procederase á renovación de acabados e instalacións e á mellora da accesibilidade dos cuartos de baño das habitacións, os aseos comúns de planta e os baños xeriátricos. Tamén se substituirá a instalación xeral de fontanería e calefacción da edificación principal e a conexión co edificio anexo.

A residencia de maiores de Laraxe dispón de 172 prazas autorizadas para persoas con dependencia e conta actualmente con 93 cuartos de baño nas habitacións, repartidos entre as diferentes plantas, 8 baños xeriátricos e 10 aseos.

A intervención, que conta cun prazo de execución de 10 meses, contempla a renovación de acabados dos solos, paredes e teitos destes espazos onde se prevé a execución dun pavimento vinílico antiesvarante, así como un novo falso teito continuo de placas de cartón xeso. Tamén se mellorará a accesibilidade mediante a redistribución interior dos cuartos de baño, aseos e baños xeriátricos, a instalación de aparatos sanitarios adaptados e equipamentos de accesibilidade.

Por último, as obras inclúen a renovación das instalacións interiores de auga fría, ACS, calefacción e electricidade, así como a renovación das brillas e o equipamento interior.

Os traballos, adxudicados á empresa Desarrolla Obras y Servicios SL, estarán financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023