A Xunta destina 814.300 euros a 29 concellos lucenses para acondicionar infraestruturas turísticas rurais

Ata o 30 de marzo está aberta unha nova liña de axudas para incrementar a eficiencia enerxética en establecementos turísticos, dotada con 7,8 millóns de euros

Lugo, 16 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia destinará 814.300 euros a 29 concellos da provincia de Lugo para o acondicionamento e sinalización de infraestruturas  turísticas rurais. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que esta cifra practicamente cuadriplica a contía do pasado ano, logo de que o Goberno galego decidise incrementar o orzamento da convocatoria ata alcanzar os 3 millóns de euros.

Arias explicou que con estas achegas os concellos melloran os bens patrimoniais, recursos culturais e turísticos así como os seus accesos, contornas ou a sinalización, entre outros elementos. “O reto -afirmou- é avanzar no desenvolvemento turístico de todo o territorio como factor de crecemento económico”.

As achegas concédense en réxime de concorrencia non competitiva a concellos de ata 10.000 habitantes, e entre os proxectos impulsados figuran áreas recreativas, miradoiros, rutas de sendeirismo, recuperación de espazos públicos ou instalación de iluminación ornamental.

O delegado lembrou que a Axencia Turismo de Galicia tamén apoia aos empresarios do sector turístico, con programas dirixidos á mellora dos establecementos. Ao respecto, indicou que ata o 30 de marzo permanece aberto o prazo para presentar solicitudes ao abeiro das novas axudas de eficiencia enerxética para aloxamentos turísticos, dotadas de 7,8 millóns de euros.

As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono.

Así, os aloxamentos turísticos poderán levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

Igualmente, estanse valorando as propostas recibidas na convocatoria para a mellora xeral das infraestruturas en establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, á que se destinan 3,5 millóns de euros. Neste caso, teñen cabida as obras ou a instalación de elementos que incidan an renovación e modernización das instalacións ou no embelecemento do contorno.

Data de actualización: 16/03/2023