A Xunta mellora a eficiencia enerxética do edificio administrativo en Lugo cun investimento de case 2,5 M€

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou as instalacións tras o remate das obras que permitirán un aforro de enerxía anual superior ao millón de quilovatios e unha redución das emisións de 171,58 toneladas

A iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego pola modernización e a eficiencia das infraestruturas destinadas á prestación de servizos públicos, cun orzamento que se suma case 19,4M€ nos últimos anos
 

Lugo, 16 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o edificio administrativo do Goberno galego na capital luguesa, no que acaban de rematar as obras de rehabilitación e mellora enerxética. As actuacións supuxeron un investimento de case 2,5M € e van permitir un aforro de enerxía anual superior ao millón de quilovatios e unha redución nas emisións de carbono de 171,58 toneladas anuais.  

Segundo sinalou Diego Calvo, o proxecto incidiu en dous aspectos fundamentais para o aforro enerxético como son a climatización e a iluminación. Así, substituíronse os antigos equipos de clima por tres novas bombas calor de 200 quilovatios de alta eficiencia enerxética, catro unidades climatizadoras e de 239 emisores de frío ou calor, así como novos condutos para unha distribución do aire máis axeitada.

A maiores, instaláronse proteccións solares e, no que se refire á iluminación, cambiáronse as lámpadas fluorescentes por tubos LED e equipos de detección de movemento e niveis de iluminación.

O obxectivo da iniciativa é reducir o consumo enerxético e a emisión de gases á atmosfera, ao tempo que se melloran tanto as condicións de traballo do persoal que desenvolve a súa actividade nas instalacións coma o confort das persoas usuarias dos servizos administrativos que se prestan nelas.

Aposta pola modernización de infraestruturas

Nesta liña, o vicepresidente segundo referiuse á aposta que está a facer a Xunta para modernizar e acondicionar as infraestruturas destinadas á prestación de servizos públicos con actuacións como as levadas a cabo nos últimos anos noutros edificios da Administración autonómica e que permiten reducir o consumo de enerxía e dotar o persoal e a cidadanía de mellores medios.

De feito, desde 2015 o investimento da Administración autonómica en melloras de eficiencia enerxética dos seus edificios administrativos achégase aos 19,4M€, a maiores das obras que se están a desenvolver actualmente nas delegacións territoriais da Xunta na Coruña e en Ferrol e que suman máis de 2,6 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023