A Xunta inviste máis de 45.000 euros en actuacións de protección e defensa dos montes contra os incendios forestais en Cariño e Ortigueira

As actuacións de prevención lévanse a cabo nos montes Faro, Herbeira e Miranda, no Concello de Cariño; e dos montes Pigueiro, Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, no concello de Ortigueira
 

Os traballos consisten fundamentalmente na mellora de preto de sete quilómetros de pistas forestais e tamén contemplan a construción de sete pasos de auga naqueles lugares onde son necesarios
 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural está executando traballos preventivos dentro do Distrito forestal I-Ferrol, que consisten fundamentalmente na mellora de preto de sete quilómetros de pistas forestais dos montes Faro, Herbeira e Miranda, no Concello de Cariño; e dos montes Pigueiro, Can de Carracedo e Chan de Salgueiro, no concello de Ortigueira. Así, estas actuacións, que se executan en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais, contan cun investimento de máis de 45.000 euros.

En concreto, a mellora de pistas faise mediante a limpeza de cunetas e homoxeneización, estendido, perfilado e compactación por capas das pistas, entre outros. Deste xeito, búscase mellorar as vías de comunicación e acceso ao monte co fin de facilitar o acceso ao persoal do servizo prevención e extinción de incendios en caso de lume. Ademais, os traballos contemplan a construción de sete pasos de auga naqueles lugares onde son necesarios.
 
Estes traballos enmárcanse dentro do Plan preventivo en vigor que contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2023