A Xunta conciencia en Lugo sobre o consumo responsable no Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a oficina lucense do Instituto Galego do Consumo e da Competencia tramitou o ano pasado 2.929 reclamacións, un 35 % máis que en 2021

Lugo, 15 de marzo de 2023

A Xunta celebrou hoxe en Lugo o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras coa instalación dun punto de información nos soportais da rúa Quiroga Ballesteros para asesorar aos cidadáns e dar a coñecer os recursos que ten a Administración autonómica para axudalos nesta materia.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou este posto, onde apuntou que a celebración deste ano pon o foco no consumo responsable e sostible “pero sen esquecer a importancia dos dereitos básicos neste ámbito, en especial nun mercado cada vez máis global e dixital”.

Subliñou que a oficina de Lugo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) tramitou o ano pasado 2.929 reclamacións, un 35 % máis que no exercicio anterior. Destacaron as relacionadas co sector da enerxía -sumou 1.214, case o 41,5 % do total – seguido das telecomunicacións - recibiu 603, un 20,6 % das presentadas-.

Charlas para 290 alumnos de cinco IES lucenses

Arias sinalou que a programación da Xunta para este día mundial inclúe charlas ao longo de todo o mes de marzo en cinco centros educativos da provincia de Lugo nas que participan 290 estudantes. Comezaron o día 9 nos IES Marqués de Sargadelos de Cervo e Monte Castelo de Burela; mañá xoves continúan no IES A Pinguela de Monforte de Lemos; o día 21 no IES Pedregal de Irimia de Meira e conclúen o 30 no IES San Rosendo de Mondoñedo.

Ademais, a Administración autonómica ten en marcha diferentes accións para achegar a máxima información aos consumidores galegos, como os Venres de Consumo Responde, que xa cumpren un ano. Estes últimos son encontros dixitais nos que os cidadáns poden resolver dúbidas sobre temas do seu interese, como a factura da luz, o etiquetado de produtos alimentarios ou os servizos de atención ao cliente. A actividade deste venres céntrase nos dereitos básicos das persoas consumidoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023