A delegada territorial, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao punto de información situado na Praza de Armas

A Xunta aposta pola información e o asesoramento á cidadanía como mellores ferramentas para garantir os dereitos das persoas consumidoras

A Oficina de Consumo da Xunta na cidade rexistrou o ano pasado 903 consultas e tramitou 1.318 reclamacións, un 2% máis que o ano anterior

Ferrol, 15 de marzo de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á carpa instalada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia na Praza de Armas con motivo do Día Mundial das Persoas Consumidoras, co obxectivo de informar á cidadanía sobre os seus dereitos neste ámbito.

“Queremos poñer a disposición dos veciños todas as ferramentas necesarias para garantir a súa información, o seu asesoramento e, en último caso, a restitución dos seus dereitos, se fose necesario”, explicou a responsable da Xunta quen destacou a importancia da celebración desta xornada.

O de Ferrol é un dos sete puntos de información ao consumidor (un por cada unha das sete cidades galegas) establecidos pola Xunta de Galicia con motivo desta xornada, dedicada este ano ao consumo responsable e sostible.

Aneiros aproveitou a iniciativa para poñer en valor o traballo realizado desde a Oficina de Consumo da Xunta en Ferrol que atende e asesora de xeito presencial a todas as persoas que o requiran. O pasado 2022 esta oficina rexistrou 903 consultas e tramitou 1.318 reclamacións, un 2% máis que no ano anterior. A enerxía e as telecomunicacións foron as temáticas que máis consultas e reclamacións rexistraron.

De forma complementaria á xornada de hoxe, desde o pasado 1 de marzo, o Goberno galego vén realizando accións formativas en diferentes centros educativos. Onte mesmo desenvolveuse unha no IES Fernando Esquío, de Neda, e para o próximo 27 de marzo están previstas outras dúas no IES Fene e no IES de Catabois, en Ferrol.

Finalmente a celebración do Día mundial das Persoas Consumidoras verase complementada o próximo 17 de marzo cun especial Venres de Consumo Responde, con motivo do primeiro aniversario da súa posta en marcha. Trátase dun encontro dixital a través do que a cidadanía pode preguntar dúbidas e coñecer mellor os seus dereitos como consumidores. As persoas interesadas poden participar a través da aula virtual: https://formacion-consumo.xunta.gal/.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023