Luis López destaca en Pontevedra o traballo e as ferramentas da Xunta para a defensa dos dereitos dos consumidores

O delegado territorial reafirmou o compromiso do Goberno galego cos cidadáns na adquisición xusta dos seus produtos e servizos e informou das opcións para a restitución dos seus dereitos a través das oficinas autonómicas de Consumo

O representante galego visitou o stand instalado na Praza da Peregrina para desenvolver accións divulgativas e informativas con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras no seu 40º aniversario

As oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia rexistraron o pasado ano un total de 8.584 reclamacións na provincia tras un incremento do 27,6% respecto ao exercicio precedente e os principais contidos das mesmas centráronse na enerxía e as telecomunicacións

Pontevedra, 15 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia está a promover a defensa dos dereitos dos consumidores por medio do traballo das súas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, das ferramentas administrativas autonómicas e das accións de divulgación, segundo destacou esta mañá o delegado territorial, Luis López, na súa visita ao stand informativo instalado na Praza da Peregrina de Pontevedra con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras.

O representante autonómico, que estivo acompañado por representantes municipais e da Asociación de Consumidores Rías Baixas, reafirmou o “decidido compromiso” do Goberno galego cos cidadáns na adquisición e contratación “xusta” dos seus produtos e servizos e informou de todos os mecanismos postos en marcha pola Xunta a través das súas oficinas de Consumo, como a emprazada no edificio administrativo do barrio de Campolongo.

Ademais, informou de que a Dirección Xeral de Comercio e Consumo vai cumprir este venres o primeiro aniversario da iniciativa Venres de Consumo Responde, que está a consistir en charlas virtuais abertas a toda a cidadanía sobre diversas cuestións e que está plenamente consolidada tras rexistrar unha gran acollida por parte da cidadanía, posto que “facilita a defensa dos dereitos dos consumidores, especialmente en temas sensibles como os servizos enerxéticos e a electricidade, e afonda na concienciación do consumo responsable, sostible e de proximidade e nas diversas circunstancias dun mercado cada vez más global e dixital”.

O delegado territorial percorreu o stand autonómico neste Día Mundial, que celebra o seu corenta aniversario dende a súa aprobación por parte de Nacións Unidas, interesouse pola información que se achega aos cidadáns e valorou moi positivamente esta acción divulgativa, “xa que permite que todos coñezamos mellor os nosos dereitos como consumidores e saibamos de primeira man as ferramentas que a Xunta pon á nosa disposición para a súa restitución”.

De xeito paralelo a esta actividade informativa de rúa, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo tamén está a celebrar, dende o pasado 1 de marzo, accións formativas coa mocidade en diversos centros educativos públicos da propia cidade de Pontevedra, Poio, Cambados e A Estrada.

Balance do servizo de Consumo na provincia

Finalmente, Luis López concluíu a súa visita informando do balance do servizo autonómico de Consumo na provincia de Pontevedra durante o pasado exercicio, que rexistrou 10.829 consultas –un 9,5% máis que en 2021– e 8.584 reclamacións presentadas, o que supuxo un incremento do 27,6% con respecto ás 6.727 cursadas o exercicio anterior.

A principal tipoloxía das queixas de 2022 situouse no ámbito da enerxía, con 3.013 reclamacións (35% do total), e no das telecomunicacións, con 2.094 (24%), mentres que os principais concellos de procedencia, dentro desta comarca, foron Pontevedra (1.189), Marín (321), Poio (187) e Sanxenxo (132). Ademais, no que vai do presente ano, xa se presentaron na oficina de Consumo de Pontevedra un total de 629 reclamacións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2023