Esta tarde celebrarase o acto de presentación do primeiro Plan municipal de abastecemento autónomo, experiencia piloto na que, ademais de Mondariz, tamén participan os concellos de Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río

A Xunta aborda coas comunidades de traídas veciñais do Concello de Mondariz as pautas para unha autoxestión sostible, segura e resiliente dos seus sistemas de abastecemento

Os técnicos de Augas de Galicia presentarán a ferramenta que promove as accións necesarias para garantir o abastecemento de auga potable á poboación, dotándoa dun instrumento de planificación clave para a mellora deste servizo, de competencia municipal

Desde o 2020 a Xunta leva concedido 136 axudas por importe de 1,36 M€ para apoiar as traídas veciñais no ámbito rural, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer ás poboacións máis afastadas

Estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, reunirase esta tarde cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de auga do Concello de Mondariz, para presentarlles os resultados do proxecto de Plan municipal de abastecemento autónomo para unha autoxestión sostible, segura e resiliente dos seus sistemas de abastecemento.

Este encontro enmárcase no traballo que está a desenvolver a administración hidráulica da Xunta de elaboración dos primeiros plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, unha ferramenta que ten como obxectivo mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir o abastecemento de auga potable á poboación e dun instrumento de planificación para a mellora deste servizo, de competencia municipal.

En concreto, o acto se celebrará hoxe ás 18:30 horas, na sala de conferencias da biblioteca municipal Xoán X. Pérez Labaca, no concello de Mondariz, sendo o primeiro acto de presentación coas conclusións finais dos primeiros plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, impulsados pola Xunta, e en cuxa experiencia piloto tamén participan as comunidades de usuarios dos concello de Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río.

Nesta fase final do proxecto, os técnicos de Augas de Galicia están a organizar os actos de presentación cos veciños e representantes das traídas municipais dos 6 concellos que participan na iniciativa.

Estes encontros son fundamentais para dar a coñecer as conclusións e claves dos plans entre os propietarios e representantes das traídas veciñais, e tamén aos Concellos, xa que son os axentes fundamentais no desenvolvemento dos Plans municipais de abastecemento autónomo.

Cada un dos concellos participantes acolleu hai un ano unha reunión inicial cos técnicos de Augas de Galicia que serviu para desenvolver a primeira fase de inventariado e estudo dos sistemas de autoabastecemento destes municipios. Nunha segunda fase analizáronse os datos recabados e fíxose unha proposta de melloras a aplicar nestes sistemas de abastecemento. Esa información empregouse para unha terceira fase, que culminou na elaboración dun documento oficial de Plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia, que recollerán as pautas que deben rexer este tipo de traídas, específicas para cada municipio.

En definitiva, o obxectivo final destes encontros é achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportado a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

Cómpre lembrar que o departamento que a Xunta lanzou no ano 2020 a primeira convocatoria de axudas para a mellora da calidade da auga das traídas veciñais, en apoio ao importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer poboacións que se atopan máis afastadas.

Deste xeito, no marco das tres últimas convocatorias, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade leva concedidas 136 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de máis de 1,36 M€.

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

 

Data de actualización: 14/03/2023