A Xunta de Galicia busca novas propostas innovadoras coas que seguir mellorando os servizos públicos

A Administración autonómica abre un proceso de preselección de proxectos de compra pública de innovación entre todos os seus departamentos para a continuación poder presentarse a diferentes programas estatais

A comisión de valoración estará integrada por representantes da Axencia Galega de Innovación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asesoría Xurídica Xeral

As propostas seleccionadas serán aprobadas polo Consello da Xunta e contarán co compromiso de cofinanciamento por parte da Consellería de Facenda e Administración Pública
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia implica a todos os seus departamentos na busca de novas propostas de compra pública de innovación (CPI) coas que seguir mellorando os servizos públicos. Así, nas próximas semanas desenvolverase un proceso de preselección de iniciativas que desexen presentarse á convocatoria da liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) do Ministerio de Ciencia e Innovación ou subscribir un convenio co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) en relación á compra pública precomercial.

 

A comisión de valoración dos proxectos estará integrada por representantes da Axencia Galega de Innovación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asesoría Xurídica Xeral. As propostas seleccionadas serán aprobadas polo Consello da Xunta a mediados deste ano e contarán co compromiso de cofinanciamento por parte da Consellería de Facenda e Administración Pública.

 

Galicia é líder en compra pública innovadora, un instrumento de fomento da I+D+i desde a demanda orientado a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras a través da contratación pública. A compra pública innovadora permite ofrecer mellores servizos á cidadanía e fomenta que haxa máis empresas innovadoras na comunidade autónoma, impulsando o seu desenvolvemento e internacionalización.

 

No período 2007-2013 Galicia converteuse nun referente a nivel estatal ao concentrar o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España, con 122 millóns de euros. Entre 2014 e 2020 a comunidade executou preto de 130 millóns de euros neste eido. Na actualidade estanse a executar proxectos de CPI por un importe de máis de 75 millóns de euros, a maior parte vinculados ao Polo Aeroespacial de Galicia.

Data de actualización: 14/03/2023