A Xunta recibe 2 ofertas para executar a renovación e mellora do abastecemento e do saneamento no núcleo do Navallo, en Riós, cun investimento de preto de 345.000 €

Esta actuación prevé levarse a cabo neste ano cun prazo de execución de 4 meses

Trátase de dotar a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento que respondan ás necesidades dos veciños

A Xunta acometerá e financiará as obras cunha achega de máis de 325.000 euros no marco dunha colaboración co Concello, que asumirá o financiamento restante

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023

A Xunta recibiu 2 ofertas de empresas para executar as obras de renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no núcleo do Navallo, no concello de Riós, que suporán un investimento de preto de 345.000 euros.

 

Esta actuación prevé executarse durante este ano, cun prazo de 4 meses para a realización dos traballos.

 

A intervención ten como obxectivo dotar a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento que respondan ás necesidades dos veciños.

 

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Riós segundo o cal a Xunta achegará máis de 325.000 euros para a execución destas obras e o Concello contribuirá ao financiamento restante.

 

Augas de Galicia será a encargada da execución das obras e ao municipio corresponderanlle a recepción, mantemento e conservación das actuacións acometidas.

Esta intervención financiarase no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Actuacións

Este núcleo de poboación da parroquia de San Vicente do Navallo dispón actualmente dunha rede de abastecemento de auga potable e dunha rede separativa de saneamento de augas residuais, na súa maior parte, con canalizacións instaladas hai máis de 30 anos.

 

A nova rede de saneamento de augas residuais que se vai executar ao abeiro desta colaboración entre a Xunta e o Concello será de tipo separativo, por gravidade, e inclúe a execución de 4 colectores, 9 ramais e 59 pozos de rexistro. A mellora proxectada supón unha lonxitude total de 1.442 metros para dar servizo a un total de 66 vivendas. 

 

A obra de mellora da rede de abastecemento partirá do depósito regulador actual para dar servizo a 76 vivendas mediante unha rede de distribución ramificada, polas características do viario do núcleo, con zonas de deseño mallado onde é posible. A lonxitude total da mellora da rede proxectada é de algo máis de 2.000 metros.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

 
Data de actualización: 13/03/2023