A Xunta aborda coa Embaixada de Australia en España vías de colaboración en materia de seguridade e turismo

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiron a representantes da embaixada nun encontro no que se abordou a atención aos peregrinos procedentes do país australiano

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiron esta mañá a unha representación da sección consular da Embaixada de Australia en España co obxectivo de poñer en común posibles vías de colaboración en materia de seguridade e turismo.

 

Ao encontro asistiu o responsable de asuntos consulares da Embaixada de Australia en España, Joseph Rojano xunto coa asistente consular Zhanna Nurmakhanova. Por parte da Xunta, tamén estivo presente o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.

 

Entre os temas abordados tratouse o auxe da peregrinación a Santiago de Compostela. Nesta liña, cómpre lembrar que, entre as súas funcións, a Policía Autonómica encargase da vixilancia das rutas xacobeas e da atención os peregrinos. De feito, o ano pasado, no segundo ano do Xacobeo 21-22, levaron a cabo máis 5.000 inspeccións nos distintos camiños para garantir a seguridade.

 

As patrullas da Policía Autonómica encargáronse de actuacións en materia de seguridade nos desprazamentos dos peregrinos, nos actos institucionais, culturais, sociais, deportivos ou de calquera outro tipo relacionados co Ano Santo, e nas visitas de autoridades, moitas delas en coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade.

 

Ademais, Australia atópase entre os países internacionais dos que proceden máis peregrinos. Así, o ano pasado a cifra deste país foi de máis de 2.560. Deste xeito, estase a recuperar a peregrinación internacional tras a pandemia da coronavirus co obxectivo de acadar os 5.300 peregrinos procedentes de Australia que chegaron en 2019, colocando a este país no posto 11.

 

Para acadar este obxectivo, xoga un papel relevante a Australian Friends of the Camino, situada en Stirling, ao sur do país. As máis de 300 asociacións de amigos do Camiño repartidas por todo o mundo son un piar fundamental na difusión e promoción das rutas xacobeas.

Data de actualización: 13/03/2023