A Xunta inviste 35.000 euros na ampliación e mellora de tres parques infantís en San Cibrao das Viñas (Ourense)

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou os espazos renovados no marco da Orde de infraestruturas municipais, dotada con 3,5 M€
 

O municipio beneficiouse tamén dunha axuda de 23.500 euros para a adquisición dun vehículo con distintivo ECO ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental
 

As achegas da Xunta no marco das distintas liñas de apoio ao eido local sumaron nos últimos anos máis de 340.000 euros
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 13 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou recentemente o concello de San Cibrao das Viñas para coñecer as actuacións desenvolvidas ao abeiro de diferentes axudas da Xunta ás administracións locais e que supuxeron neste municipio achegas de case 58.500 euros.

Así, no marco da Orde de creación e mellora de infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais renováronse tres parques infantís situados en Ponte Noalla, Novo Piñeiral e Outeiro Calvo. A Xunta apoiou as obras con 35.000 euros que se utilizaron para cambiar os xogos existentes por outros tipo de torre en cada un dos espazos. No caso de Novo Piñeiral e de Outeiro Calvo recolocáronse as randeeiras previamente retiradas e instalouse tamén pavimento de caucho.

Por outra banda, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, San Cibrao recibiu 23.500 euros para a adquisición dun vehículo con distintivo ECO destinado ao servizo de mantemento de parques e xardíns. Deste xeito apóstase por unha dotación respectuosa co medio para o transporte tanto do persoal coma da maquinaria e útiles precisos para o seu labor.

Segundo sinalou Diego Calvo, ambas as iniciativas enmárcanse no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía e motores de desenvolvemento. “Trátase así de garantir o equilibrio territorial entre o rural e o urbano, a costa e o interior”, engadiu.

No eido da liña de colaboración para a mellora de infraestruturas, dotada con 3,5M€, o vicepresidente segundo sinalou a relevancia das actuacións nos parques infantís, como “espazos de lecer fundamentais para as familias e a fixación de poboación no rural”. Así, o pasado ano “das 108 axudas concedidas, 29 foron para actuacións de mellora, ampliación ou cubrición destas áreas de xogo”, apuntou.

Diego Calvo destacou tamén a importancia de facilitarlles aos concellos a protección da súa contorna natural a través da adquisición de recursos acordes ás esixencias ambientais da sociedade actual. Neste sentido, lembrou que a Xunta destina máis de 11M€ a impulsar estas accións co Fondo de Compensación Ambiental.

Máis de 340.000 euros das liñas de apoio ao eido local

Ao abeiro das distintas medidas de apoio ao eido local, o concello de San Cibrao das Viñas recibiu nos últimos anos máis de 340.000 euros que permitiron realizar melloras en instalacións deportivas e de lecer, así como nas dotacións municipais dedicadas ao mantemento dos espazos naturais, entre outras accións.

A maiores, Calvo destacou que as entidades locais reciben tamén o apoio autonómico a través do Fondo de Cooperación Local, que este ano suma 143,4 millóns de euros. Nesta liña, San Cibrao das Viñas recibiu en 2022 preto de 219.500 euros do Fondo Base de Cooperación Local.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2023