A Xunta pon en valor o sector lácteo galego na poxa de gando frisón celebrada hoxe no Concello de Ordes, con motivo da Festa do lacón con grelos do Mesón do Vento

A Consellería do Medio Rural sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto, dotada con 200.000 euros

 

Ordes (A Coruña), 12 de marzo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na IV poxa de gando de raza frisoa, no marco da XXIV edición da Festa do Lacón con Grelos do Mesón do Vento. Alí puxo en valor o sector lácteo galego e o bo momento que atravesa este eido produtivo, ao encadear ata 19 meses consecutivos de subas de prezos, que propiciaron unha facturación récord o ano pasado.

 

Neste senso, José Balseiros lembrou que as explotacións galegas facturaron no 2022 pola venda de leite 1.306,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 35,2 % respecto do ano 2021. Ademais, lembrou que a Consellería do Medio Rural sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto, dotada con 200.000 euros.

 

Así, o obxectivo destas axudas, sinalou o director xeral, é apoiar a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia. Así, fomentarase a celebración dunha rede de eventos a realizar en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais e, lembrou, que os beneficiarios destas axudas poderán ser concellos galegos que organicen certames de gando selecto.

 
Data de actualización: 12/03/2023