Publicada a contratación en réxime de concerto social de máis de 300 prazas en centros de día públicos autonómicos de alzhéimer

A través deste procedemento garántese a estabilidade na prestación deste servizo nos centros de titularidade autonómica e xestión externa de Ferrol, Ribeira, Lugo, Viveiro, Ourense, Moaña, Pontevedra e Vigo

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023 O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a asignación en réxime de concerto social de 314 prazas en centros de atención diúrna de Alzhéimer de titularidade autonómica. Destinarase un orzamento de 18,5 millóns de euros, o que permitirá empregar por vez primeira esta modalidade de contratación que garante a estabilidade na prestación do servizo.

Estes concertos terán unha duración inicial de catro anos e poderán renovarse ata acadar un máximo de dez. En concreto, este instrumento do concerto social aplicarase nas prazas de atención diúrna ás persoas con Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas que a Xunta ten en Ferrol, Ribeira, Lugo, Viveiro, Ourense, Moaña, Pontevedra e Vigo.

De feito, este procedemento establecerá como criterio de preferencia a concertación directa coas entidades de iniciativa social que actualmente xa están a prestar o servizo mediante contrato. Trátase de garantir a estabilidade tanto para estas entidades como para as persoas usuarias destes servizos, pois esta concertación directa supón unha continuidade na prestación do servizo actual o que se traduce nunha atención de calidade e centrada no usuario.

Rede pública autonómica

Con esta convocatoria, o Executivo autonómico consolida e garante o mantemento da rede pública de recursos de atención diúrna ao Alzhéimer. Galicia é a única comunidade que conta cunha rede autonómica de centros de Alzhéimer e desde o ano 2009 duplicáronse o número de prazas públicas en centros de día especializados nesta patoloxía, ata superar nestes momentos as 500 por toda a Comunidade.

Data de actualización: 12/03/2023