O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana co embaixador de Dinamarca en España, Michael Braad

A Xunta avalía as oportunidades de negocio que o tecido empresarial galego ten en Dinamarca

Busca explorar sinerxías en sectores clave na axenda industrial de Galicia, como as enerxías renovables, a biotecnoloxía, as TIC ou o sector agroalimentario

As exportacións de Galicia a Dinamarca o pasado ano acadaron os 124,6 millóns de euros coa particularidade de que aumentou o número de empresas galegas que comercializan os seus produtos no mercado danés, ata 230
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co embaixador de Dinamarca en España, Michael Braad, con quen avaliou as oportunidades de negocio que o tecido empresarial galego ten no país.

As exportacións de Galicia a Dinamarca o pasado ano acadaron os 124,6 millóns de euros coa particularidade de que aumentou o número de empresas galegas que comercializan os seus produtos no mercado danés. Concretamente, foron 230 en 2022, das que 112 xa o fan de forma regular.

Tal e como trasladou Conde na xuntanza co embaixador, Galicia ten interese por abrir vías de colaboración en sectores que son estratéxicos para ambas as dúas economías. Cómpre salientar ao respecto que Dinamarca foi o primeiro país do mundo en instalar parques eólicos mariños, o Vindeby Offshore Farm, en 1991. Tamén é un dos principais mercados de probas para o sector TIC. E acolle un dos clústers máis recoñecidos na contorna europea do sector biotecnolóxico e da saúde, Medicon Valley.

A Xunta de Galicia, polo tanto, busca explorar sinerxías entre o tecido industrial galego e danés en ámbitos como as enerxías renovables, o sector biotecnolóxico, as TIC ou a industria agroalimentaria. Todos eles, sectores que son clave na axenda industrial de Galicia.

Fronte ao reto da transición enerxética e dixital, segundo Conde, Dinamarca representa un modelo con quen Galicia —desde o tecido empresarial ata o ecosistema de I+D+i— pode compartir experiencia, coñecemento e talento para desenvolver proxectos en común.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2023