A Xunta mellora as instalacións do campo de fútbol da Chanciña de Campo Lameiro cunha achega de 33.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, acompañado do alcalde, Carlos Costa, a remodelación do estadio, ao que se dotou dun espazo cuberto entre os vestiarios e o terreo de xogo a través dunha pérgola para favorecer a protección fronte a choiva

A actuación neste recinto deportivo tamén incluíu a reparación do seu peche perimetral, que se atopaba deteriorado nalgúns puntos, especialmente na contorna das redes parabalóns, e que foi substituído por unha malla metálica

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu 515.000€ no municipio ao longo dos últimos anos para accións de mellora da eficiencia enerxética, creación de parques infantís, reparación de camiños, obras na piscina e saneamentos

Campo Lameiro, 10 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de colaborar coa mellora das instalacións do Campo de Fútbol da Chanciña, no Concello de Campo Lameiro, cunha achega de máis de 33.000 euros concedida ao abeiro da orde de axudas para infraestruturas municipais de uso público.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, o remate das obras de remodelación deste estadio, emprazado nas inmediacións da capital municipal e que é moi empregado polos clubs e veciños do concello.

A actuación neste recinto deportivo, que está pechado, ten un terreo de xogo de herba artificial e un gradarío para 200 espectadores, consistiu na habilitación dun espazo cuberto para dispoñer dunha zona de abrigo ante as inclemencias meteorolóxicas e na reparación do peche perimetral, que estaba deteriorado nalgúns puntos, especialmente na contorna das redes parabalóns.

Así, levantouse, no lugar de tránsito entre os vestiarios e o terreo de xogo, unha pérgola de estrutura metálica e cubrición translucida que exercerá de protección fronte a choiva e, paralelamente, procedeuse ao arranxo do peche coa súa substitución por unha malla metálica. Ademais, e por mor da nova pérgola, foi necesario desprazar e recolocar algúns dos seus postes de sustento.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segue a investir no Concello de Campo Lameiro, ao que transferiu 515.000 euros nos últimos anos a través das distintas ordes de axudas para accións de mellora da eficiencia enerxética, creación de parques infantís, reparación de camiños, obras na piscina e redes de saneamento.

564 M€ para os concellos este ano

A Xunta de Galicia vai destinar este ano, no conxunto das súas liñas e achegas, un total de 564 millóns de euros a prol dos concellos, o que supón un incremento do 15% con respecto ao exercicio anterior.

Neste eido, só a Dirección Xeral de Administración Local ten previsto transferir máis de 160 millóns de euros coas súas ordes de axudas, dos que 143,4 millóns de euros corresponden ao Fondo de Cooperación Local (FCL) -17,4 millóns máis que en 2022-, algo máis de 11 millóns do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para accións a prol da contorna natural e o coidado do medio ambiente e outros 3,5 millóns da orde para mellora de infraestruturas municipais de uso público, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023