A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe as instalacións

A Xunta dota ao Espazo Xove de Ourense dunha sala de xogos e convivencia

Os traballos supuxeron a reforma parcial do segundo andar do inmoble

Ourense, 10 de marzo de 2023 O Espazo Xove da Xunta de Galicia en Ourense conta coa súa primeira sala de xogos e convivencia para as mozas e mozos do municipio que se acondicionou no segundo andar do inmoble. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o inmoble para comprobar o resultado dos traballos realizados que incluíron o equipamento e nos que se investiron 8.500 euros.

As obras consistiron, basicamente, na demolición dun tabique de separación entre dúas salas, na retirada de escombros, no cambio de emprazamento dun radiador, na colocación de novos enchufes, na instalación de tarima flotante e no pintado da zona reformada. En canto ao equipamento, a nova sala dispón de mesa de pimpón, futbolín de madeira, televisión, consolas e sofás, co fin de que sirva como un espazo dinámico, de tempo libre e de reunión para a mocidade.

Cristina Pichel aproveitou a visita para poñer en valor a rede de Espazos Xoves que o Executivo autonómico ten en funcionamento nas catro provincias, xa que constitúen un recurso máis a disposición da xente nova para que realicen as súas actividades. Tamén destacou as accións de ocio educativo e educación non formal que teñen lugar neste tipo de equipamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023