A Xunta pon en valor a intelixencia artificial aplicada ao sector vitivinícola cun seminario técnico no marco do proxecto transfronteirizo VINIoT

O acto de hoxe no pazo de Toubes está organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Persegue formar aos potenciais usuarios finais no uso das distintas ferramentas de monitorización do viñedo baseadas nas metodoloxías de intelixencia artificial

O seminario será clausurado polo delegado territorial da Xunta en Galicia en Ourense, Gabriel Alén

Cenlle (Ourense), 10 de marzo de 2023

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza hoxe un seminario técnico no marco de VINIoT, proxecto transfronteirizo cuxo obxectivo é a creación dun novo servizo tecnolóxico de monitorización de viñedos para manter aos viticultores informados do estado dos seus cultivos e poder facer unha pronta detección dos problemas que poidan sufrir as viñas. Este seminario -que se celebra no pazo de Toubes, en Cenlle- será clausurado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

 

O seminario, centrado nas metodoloxías en intelixencia artificial e nas súas aplicacións no viñedo, enfócase cara á transformación dixital das empresas do sector vitivinícola. O seu fin é formar aos potenciais usuarios destas tecnoloxías nas distintas ferramentas de monitorización do viñedo.

 

Este servizo busca conseguir que as pequenas e medianas empresas do sector poidan controlar as súas plantacións en tempo real con diferentes niveis de precisión. Esta monitorización é posible grazas a unha rede de sensores que segue unha arquitectura baseada no Internet das cousas e cuxo volume de información se procesa a través de intelixencia artificial a partir dos parámetros obtidos.

 

O seminario de hoxe enmárcase nas accións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ao abeiro do proxecto VINIoT, entre as que se atopou tamén un obradoiro o ano pasado para dar a coñecer, a través de presentacións técnicas dos distintos socios, os avances do proxecto, que implica socios de Galicia, A Rioxa, Portugal e Francia. Daquela, produciuse tamén unha visita ao viñedo experimental situado nas instalacións da Estación en Leiro, dentro dunha sesión práctica na que se describiu o sistema VINIoT.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023