A Agasp formou o ano pasado máis de 6.400 efectivos das forzas e corpos de seguridade en máis de 200 cursos

A actividade da Academia Galega de Seguridade Pública en 2022 incluíu tamén o proceso de selección de policías locais en 34 concellos e a formación dos 117 integrantes da 14ª promoción de policía local que tomaron posesión o mes pasado
 

Realizáronse 20 cursos dirixidos en exclusiva á Policía Autonómica, 48 á Garda Civil, 24 á Policía Nacional, 68 á Policía Local e outras 56 a actividades en conxunto entre estes colectivos
 

Na AGASP formáronse ao longo da última década un total de 168.520 persoas
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) consolídase como centro de formación policial a nivel nacional cun novo plan formativo que se pechou o ano pasado con máis de 6.400 efectivos das forzas e corpos de seguridade formados en 235 accións dirixidas a persoal da seguridade pública de Galicia cun total de 8.501 horas lectivas e co obxectivo de reforzar a preparación das súas intervencións.

Trátase de cursos destinados á Policía Autonómica, a Policía Local, a Garda Civil e a Policía Nacional, no marco do plan de formación continua anual da Academia, no que tamén hai propostas dirixidas aos servizos de emerxencias da comunidade.
 
Así realizáronse 20 cursos de formación para o persoal da Policía Autonómica en exclusiva con 318 participantes, con especial atención aos peregrinos e á vixilancia das rutas do Camiño de Santiago no segundo ano do Xacobeo 21-22. Inclúense nestas cifra os 126 diplomados da Policía Autonómica nas 5 actividades organizadas coa Policía Nacional. Outras 48 actividades dirixíronse a 2.069 axentes da XV Zona da Garda Civil en máis de 350 horas lectivas.
 
Ademais, recuperouse a totalida de da formación da Policía Nacional na Academia tras a pandemia cun aumento do 200% ata acadar os 398 participantes en 24 cursos, nos que o 20 % das prazas ofertadas en cada un deles están reservadas á Policía Autonómica. Déuselle prioridade á práctica de exercicios de tiro, a cursos prácticos no eido mariño, así como traballos verticais e en altura.
 
Canto á formación continua para o persoal da Policía Local, ofertáronse en 2022 un total de 1.285 persoas diplomadas en 68 actividades formativas con 1.648 horas. Tendo en conta que se trata do corpo de seguridade máis próximo á cidadanía o ano pasado incidiuse nos contidos relacionados con aspectos máis sociais como a atención a persoas con vulnerabilidade social ou en situación de risco, con discapacidade, maiores e menores ou vítimas de violencia de xénero.
 
Tamén se levaron a cabo 56 cursos organizados de forma conxunta para o persoal dos corpos da Policía Local, a Policía Autonómica, a Policía Nacional e a Garda Civil con 1.466 persoas diplomadas.
 
A todas estas actividades súmanse outras 19 actividades destinadas a outros colectivos como o persoal de control de acceso, auxiliares de Policía Local, policía portuaria ou vixiantes municipais nas que se participaron 895 persoas.
 
A Academia encargouse ademais un ano máis do curso selectivo para os alumnos que superaron o proceso co que optar a prazas de policía local ofertadas de forma centralizada pola Xunta. A Administración autonómica publicou a finais de 2017 un decreto para unificar na AGASP os procesos selectivos de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria e xa son 89 os municipios que se adheriron a este procedemento.
 
Os 117 alumnos da 14ª promoción de Policía Local remataron as súas clases a mediados de xaneiro antes de tomar posesión o mes pasado nos seus 34 concellos de destino. Da actual 15ª promoción de Policía Local forman parte, entre outros, os aspirantes que superaron todas as probas do proceso de selección para optar a 84 prazas da categoría de policía local de 23 concellos galegos.
 
Cómpre engadir que o ano pasado 246 auxiliares de policía local superaron na Academia algunha das cinco edicións impartidas do curso selectivo obrigatorio para tomar posesión das súas prazas, e celebráronse outros cursos cos que acceder a postos de vixiante municipal e á categoría de intendente de policía local. Para ingresar nestes corpos de policía local é necesario superar este curso de 850 horas como mínimo na AGASP.
 

Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, máis de 2.900 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Os 165.300 alumnos restantes corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia co obxectivo de actualizar os seus coñecementos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2023