A Xunta informa da constitución do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carne de Vacún de Galicia, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro. 

Así, este novo pleno quedou conformado por 16 vogalías, das cales 2 corresponden á Asociación Gandeiros Galegos de Suprema; 2 a Unións Agrarias; 1 perténcelle ao Sindicato Labrego Galego; 3 son para a Asociación Agraria de Galicia e, os 8 restantes, son da Asociación Galega da Carne.

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Jesús González Vázquez, quen repite no cargo. No tocante á vicepresidencia do sector produtor, asume o cargo José Ramón González Vázquez, de Hermanos González Rodríguez SCG; mentres que a vicepresidencia do sector industrial será para Emilio Pedro González Iglesias, de Matadero Carballiño SL. En ambos casos son novos no cargo.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023